As Pontes inicia o martes un programa especial polo Día das Letras Galegas

TerraChaXa
Iniciarase co espectáculo 'Unha cantiga para as nosas letras', a cargo das pandereteiras da Escola Municipal das Pontes
programa-lettras-galegas-as-pontes
12 May 2025

O Concello das Pontes, a través da súa concellaría de Cultura, a Biblioteca Municipal e o Conservatorio de Música Profesional, presenta a programación para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025. Este ano, a Real Academia Galega decidiu dedicar a celebración á poesía popular oral, representada por figuras como Adolfina e Rosa Casas Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, todas integrantes dos distintos grupos de pandereteiras de Mens, en Malpica. A homenaxe busca recoñecer o valor da poesía popular como parte fundamental do noso patrimonio cultural, tradición que acompaña a sociedade galega desde sempre.

As actividades comezarán o 13 de maio co espectáculo Unha cantiga para as nosas letras, a cargo das pandereteiras da Escola Municipal das Pontes, con dúas sesións previstas: unha ás 12:00 horas dirixida ao público escolar e outra ás 19:00 horas aberta a todo o público no Auditorio Municipal Cine Alovi. O 15 de maio terá lugar unha nova actividade infantil: Dende Rosalía ata as cantareiras, da man da Xanela do Maxín, ás 18:00 horas na Casa Dopeso, destinada a nenas e nenos a partir de 3 anos. Esa mesma tarde, ás 19:00 horas no Cine Alovi, o Conservatorio das Pontes ofrecerá o tradicional Concerto Letras Galegas.

Finalmente, o 21 de maio ás 20:00 horas, a Biblioteca Municipal acollerá a charla “Arredor das Letras Galegas coa escritora María Lado, tamén dirixida a todos os públicos. Con este programa, o Concello das Pontes rende tributo ás mulleres cantareiras, verdadeiras gardiás das tradicións, que coa súa música contribúen a manter viva a cultura galega.

⚙ Configurar cookies
0.16832804679871