As Pontes inicia un programa de formación para as persoas afectadas polo peche da central
O salón de actos da Casa Dopeso albergou unha charla informativa sobre o programa de formación que se desenvolverá proximamente no marco do plan de recolocación de persoas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Cerceda –unha iniciativa da que tamén poderán saír beneficiadas as persoas sen emprego maiores de 52 anos dos municipios acollidos aos convenios de Transición Xusta: As Pontes, Cabanas, Monfero, Xermade, Vilalba, Muras, As Somozas, San Sadurniño, Mañón, Moeche, Cerdido, Ortigueira e Ferrol.
Os cursos que se ofrecerán céntranse na especialización de instalacións fotovoltaicas, enerxía eólica, infraestruturas verdes –drons e xestión de residuos–, rehabilitación enerxética, seguridade e saúde, operación de carretillas, así como o manexo de maquinaria pesada.
O obxectivo deste programa é lograr a inserción laboral destes traballadores e traballadoras en situación de desemprego tras o peche da central de Endesa por mor do proceso de descarbonización. As formacións, de entre 80 e 100 horas, levarán a cabo no caso de que exista un número suficiente de solicitantes –un mínimo de 10 e un máximo de 25–, tendo como requisito fundamental que polo menos o 30% en cada un deles sexan mulleres.
Para máis información chamar ao 635 401 718 ou enviar un correo electrónico a isabel.martinezrivas@lhh.com.