As Pontes inicia un programa de voluntariado de talento interxeneracional
O Concello das Pontes ven de poñer en macha un programa de voluntariado de talento interxeneracional que ten como obxectivo de crear espazos de convivencia que permitan a aprendizaxe bidireccional entre as persoas maiores de 55 anos e as persoas da vila menores de 35 anos.
A través desta iniciativa, posta en marcha polo departamento de Benestar Social, búscase promover iniciativas solidarias dirixidas á veciñanza de maior idade, especialmente a aquela que se pode atopar unha situación de soidade non desexada para crear vínculos afectivos e sociais que beneficien as persoas participantes no programa.
O proxecto, que consta de cinco fases, arrancou no mes de xuño cunha rolda de contactos co tecido asociativo da vila para analizar a realidade do voluntariado sénior e xuvenil nas Pontes e coñecer o interese da poboación en participar como voluntarios ou voluntarias para desenvolver iniciativas solidarias ao abeiro deste programa.
A seguinte fase, posta en marcha esta semana, consistirá na selección do voluntariado do proxecto que se levará a cabo a través de entrevistas persoais nas que se valorará a motivación, coñecementos e capacidade de traballo en equipo.
As persoas interesadas en formar parte deste programa poden solicitar más información e inscribirse no número de teléfono 981 90 59 77 ou enviar un correo electrónica a nuria.freire@senvalos.org.
A continuación levarase a cabo a formación do voluntariado co fin de aportarlles coñecementos sobre os dereitos e deberes das persoas voluntarias en Galicia, sobre como desenvolver iniciativas solidarias desde o voluntariado e aproximaranse á realidade da soidade non desexada así como ás boas prácticas realizadas no ámbito do voluntariado.
Na seguinte fase, formaríanse parellas de voluntariado, integradas por unha persoa maior de 55 anos e unha persoa menor de 35 anos, para que, conxuntamente, desenvolvan unha iniciativa solidaria na vila.
O proxecto que se desenvolverá ata final do ano 2023, concluirá cunha fase de avaliación de resultados co fin de implementar melloras e valorar a posibilidade de levar a cabo novas iniciativas.