As Pontes inicia unha campaña de compostaxe doméstica con reparto de composteiros

Co obxectivo de reducir o impacto ambiental e os custos asociados ao tratamento dos residuos, o Concello das Pontes lanza unha nova campaña de compostaxe doméstica dirixida ás persoas que dispoñan dun pequeno terreo.
Esta iniciativa responde á necesidade de actuar sobre un dato clave: a metade do lixo que se xera nos fogares está composto por materia orgánica. A súa correcta xestión é fundamental para avanzar cara a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
A campaña inclúe a entrega gratuíta de composteiros individuais, así como formación práctica para as persoas participantes. Ademais, durante todo o ano 2025, contarase cun servizo de asesoramento e seguimento personalizado para garantir o bo uso dos composteiros e resolver dúbidas ao longo do proceso.
Para participar, a cidadanía pode inscribirse a través da web habilitada para a campaña: aspontes.ocaminosostible.gal, onde tamén se pode consultar información adicional sobre os servizos municipais de xestión de residuos. A inscrición pode realizarse tamén de forma presencial no propio Concello ou chamando ao número de teléfono 647 521 464.
As datas clave da campaña –como as xornadas de formación e entrega de materiais– serán comunicadas a través das redes sociais municipais. Ademais, as persoas inscritas recibirán unha chamada telefónica para confirmar a súa participación.
Esta actuación está financiada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos fondos europeos NextGenerationEU.