As Pontes inicia unha investigación sobre cogomelos silvestres

TerraChaXa
O Concello das Pontes ven de iniciar os traballos de identificación e análise da situación actual do sector dos cogomelos silvestres.
setas cogomelos silvestres
22 Xuño 2021

O Concello das Pontes ven de iniciar os traballos de identificación e análise da situación actual do sector dos cogomelos silvestres nas Pontes. Esta investigación ten como obxectivo coñecer as potencialidades deste sector en materia cultural, económica e ambiental co fin de poder mellorar e aumentar os aproveitamentos sociais destes recursos naturais.

A concelleira Elena López, responsable do proxecto,  destacou que “nos derradeiros trinta anos, a micoloxía pasou de ser unha actividade minoritaria, de escasa importancia, a ser un aproveitamento socioeconómico que move cada ano miles de toneladas de produtos comercializados e millóns de euros en España, o que o converte nun potente atractivo para o desenvolvemento rural”.

Así mesmo, comentou que “en comarcas como a das Pontes, as características climatolóxicas e morfolóxicas, xunto coa promoción micolóxica realizada a través da Feira de Fungos e Cogomelos, fixo que xurdira unha cultura micolóxica entre a poboación local. Con este proxecto buscamos retomar a ilusión da veciñanza promotora desta feira e  crear sinerxias no ámbito sociocultural, ambiental, económico, sen esquecer o micoturismo, que permitan desenvolver e promocionar novos recursos para o territorio”

Nos meses de outono, prevese a realización dunha serie de obradoiros e encontros con persoas afeccionadas da comarca e con especialistas en micoloxía de recoñecido prestixio no ámbito galego e español.

Para todas as persoas interesadas en participar neste proxecto, o Concello habilitou o teléfono 604 025 160 e o correo electrónico terradecogumelos@gmail.com, no que poden ampliar esta información.

0.20029997825623