As Pontes intégrase no Centro de Transformación e apoio ao rural da Fusquenlla
Representantes dos gobernos locais de Cedeira, Narón e As Pontes asinaron en Moeche o seu compromiso de adhesión ao proxecto, xa en marcha, do Centro de Transformación e apoio ao medio rural A Fusquenlla.
O rexedor cedeirés, Pablo Moreda, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a responsable de Promoción económica das Pontes, Elena López, subscribiron un documento que irá seguido dos correspondentes convenios administrativos para sumarse ao sostemento das instalacións e dos servizos que se lle ofrecen ás produtoras e produtores de toda a comarca.
Desta maneira serán xa sete os municipios implicados na xestión dun espazo orientado á transformación agroalimentaria que xa espertou o interese de 120 persoas e no que xa recibiron capacitación técnica máis de medio cento de usuarias e usuarios. A Fusquenlla pretende ser o referente no norte da provincia para a elaboración de distintos tipos de envasados de froita, horta e mel, así como un polo de dinamización económico baseado na transformación de excedentes da máxima calidade, ademais de todas as garantías sanitarias e de trazabilidade alimentaria.
O compromiso incide no interese común de “apoiar a actividade agrícola da nosa contorna e facilitar os medios que dean o pulo necesario para o seu desenvolvemento”.
Un interese que reitera a filosofía coa que botou a andar A Fusquenlla aló polo 2018, primeiro como idea promovida por San Sadurniño e Moeche -á que logo se sumaron Cerdido e Valdoviño- e máis recentemente xa como centro en funcionamento, que contou cunha importante achega económica da Deputación da Coruña e dos fondos Leader xestionados polo GDR Seitura 22.
A concelleira de Promoción económica das Pontes, Elena López, destacou o “grande potencial de produción do sector primario” da zona e a maneira en que A Fusquenlla pode axudar a “darlles saída aos excedentes estacionais” por medio da súa transformación en produtos “cun maior valor engadido”.
O financiamento da Fusquenlla será por partes iguais entre os sete municipios. En 2022, con catro consistorios implicados, a achega de cada un deles superou por pouco os 3.000 euros a pesar de que nese ano se efectuaron importantes investimentos en equipamento sufragados maioritariamente pola Deputación da Coruña.
A incorporación de Cedeira, Narón e As Pontes, reforzará a parte económica -sostida tamén coas cotas das persoas usuarias das instalacións- e permitirá facer máis corpo á hora de recabar a axuda doutras Administracións. “A Deputación apoiounos ao cento por cento, en todo: na construción, na cesión de equipamento e na formación. A Xunta, en menor medida, tamén na formación. Entendo que ser sete vai ser un aval moi importante para que haxa unha obriga de comprometerse con este proxecto por parte da Xunta e que a Deputación continúe”, comenta Beatriz Bascoy. Parte dese compromiso farase realidade en breve cun investimento de cerca de 168.000 euros en máis equipamento, gracias a unha nova achega provincial e dos fondos europeos do Leader canalizados pola Agader a través do GDR Seitura 22.
Alén da cuestión económica, a alcaldesa de Moeche quixo poñer en valor que A Fusquenlla estea ampliando pouco a pouco o seu ámbito territorial. “O importante de que sexamos sete é que se está consolidando o carácter comarcal co que naceu o proxecto. Hai persoas usuarias de moitísimos concellos, máis que destes sete, incluso de fóra da comarca. Agora mesmo temos 119 persoas interesadas, 50 xa co curso (a formación necesaria para poder usar as instalación), e agora vai haber 20 máis. Este proxecto vai máis alá de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño”.
Bascoy agradeceulles aos representantes de Cedeira, Narón e As Pontes que se unisen á Fusquenlla e apuntou que o seu carácter comarcal deixa a porta aberta a que sexan máis os concellos da zona que se sumen ao proxecto: "O apoio de máis concellos é fundamental para o futuro, para que se poidamos seguir ampliando o número de persoas usuarias”.
Un centro para o apoio ao medio rural e proxecto bandeira do Xeoparque
A Fusquenlla forma parte da rede de espazos de traballo compartido da Deputación da Coruña. Nas súas instalacións é posible elaborar zumes, conservas de horta e froita e, proximamente, tamén extraer e envasar mel, sexa para comercializar ou para autoconsumo.
As persoas que queiran utilizar as instalacións deben superar un curso de capacitación de 28 horas -o próximo arranca en marzo-, centrado tanto nas técnicas de elaboración e hixiene como no manexo do equipamento dispoñible.
Os grupos de usuarias e usuarios autoorganízanse para utilizar o centro cadrando coas épocas de cada produto, pagando individualmente os prezos estipulados na ordenanza publicada polo Concello de Moeche.
O centro intégrase, ademais, na estratexia do Xeoparque do Cabo Ortegal como unha das iniciativas “bandeira” en canto á promoción do desenvolvemento local que deben poñer en práctica os territorios UNESCO. Un obxectivo que neste caso se cumpre por medio da posta en marcha dun espazo totalmente equipado e con todas as garantías sanitarias “que as persoas usuarias non poderían asumir individualmente polo seu elevado custe”, recalca Beatriz Bascoy.