As Pontes investirá 67.000 euros na mellora de camiños
O Concello das Pontes ten previsto investir, 66.579 euros na obras de reparación e mellora do firme en Paipaz e As Gañidoiras.
O proxecto, que será financiado pola Deputación da Coruña, permitirá a rehabilitación das estradas co obxectivo de dotalos dunha maior calidade, tanto estrutural como superficial e garantir, deste xeito, a seguridade do tráfico e viandantes.
A través destas actuacións, o goberno local continúa co seu proxecto para mellorar as infraestruturas do ámbito rural, favorecer a calidade de vida da veciñanza, que sumadas ás actuacións xa levadas a cabo e as previstas acometer, ao longo de todo o ano 2023, permitirán avanzar cara un municipio máis accesible, cómodo e seguro.
Entre os traballos previsto inclúese a limpeza de superficies e marxes e procederase ao fresado do firme actual para rematar adecuadamente os encontros. Igualmente realizarase un rebacheo previo nas zonas necesarias e a a capa de rodaxe realizarase mediante a extensión de formigón bituminoso. As obras rematarán coa reposición da sinalización, tanto horizontal como vertical.