As Pontes inviste 47.000 euros no programa ‘Eu almorzo no cole’ para o vindeiro curso

O Concello das Pontes reservará 47.000 euros do seu orzamento para financiar o programa ‘Eu almorzo no cole’ no próximo curso escolar. A proposta, xestionada a través das ANPAS dos centros de Educación Primaria, beneficiou no último ano a máis de 120 familias da localidade.
A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, destacou que “este programa, posto en marcha no ano 2019, ten como obxectivo principal axudar ás familias pontesas a compatibilizar a vida laboral e familiar, ao tempo que promove hábitos saudables entre a poboación máis nova mediante propostas de almorzos baseadas no consumo de froitas e lácteos, así como actividades lúdicas relacionadas coa práctica de exercicio físico”.
Pardo subliñou tamén que “nestes 15 anos comprobamos como cada vez son máis as familias que, por incompatibilidades horarias, precisan deixar aos seus fillos e fillas no colexio antes do inicio da xornada escolar. Ademais, o programa conta cunha excelente acollida entre o alumnado. Estas son as razóns principais polas que o goberno local aposta por manter e incrementar a partida orzamentaria desta iniciativa municipal, para continuar dando resposta ás necesidades da veciñanza”.