As Pontes lembra o seu pasado habaneiro

TerraChaXa
Representantes do Concello das Pontes e o cronista oficial da vila, recibiron ao presidente da Sociedade de Naturales das Pontes na Habana.
recepcion as pontes emigrantes cuba
11 sep 2022

Representantes do Concello das Pontes, acompañados polo cronista oficial da vila, recibiron no salón de plenos a José García Cabarcos, presidente da Sociedade de Naturales das Pontes na Habana, fundada no ano 1912 por Jesús María Bouza Bello polos emigrantes naturais do Concello coruñés das Pontes residentes na illa de Cuba.

O obxectivo da mesma era o desenvolvemento da "instrucción primaria y gratuita en cada una de las parroquias de Freijo, Deveso, Aparral, Vilabella y San Mamed y de segunda enseñanza en la villa de Puentes de García Rodríguez para cuyo fin se construirá en cada localidad un edificio adecuado, con capacidad suficiente para dos aulas, una de niños y otra de niñas".

En 1921, fundouse unha delegación nas Pontes, encargada de xestionar as remesas de cartos enviadas pola sociedade habaneira para a construción dos edificios escolares. En 1923, mercou un terreo na vila das Pontes, duns 2800 m2, para construír o seu primeiro edificio escolar, o colexio Santa María, situado de maneira estratéxica fronte á sede do Concello e que tivo un custo de 500 pesetas.

Entre os anos 1927 e 1928, comprou varios soares nas parroquias do Freixo, Vilavella, O Deveso e Somede, co fin de construír varias escolas nestes lugares. Unha vez construídos os edificios, a sociedade cedíallos ou alugáballos ao Concello, encargado de acondicionar as escolas.

0.17415595054626