As Pontes licita as obras de mellora da rúa do Sol, nas que investirá 224.000 euros

TerraChaXa
Situada na Cal de Avelaíña, presenta na actualidade diversas deficiencias derivadas do paso do tempo
rua-sol-as-pontes
12 Feb 2026

O Concello das Pontes sacou a licitación as obras de mellora da pavimentación e renovación dos servizos na Rúa do Sol, cun orzamento de 224.449 euros financiado pola Deputación da Coruña.

Esta intervención enmárcase no conxunto de actuacións que o goberno local está a impulsar nos últimos anos co obxectivo de modernizar as infraestruturas municipais, reforzar a seguridade viaria, avanzar na accesibilidade universal e mellorar a calidade do espazo público nos distintos barrios do municipio.

A Rúa do Sol, situada na Cal de Avelaíña, presenta na actualidade diversas deficiencias derivadas do paso do tempo, como o deterioro dos pavimentos, problemas nas rasantes, un sistema de alumeado pouco eficiente e unha rede de saneamento mixta xa obsoleta.

O proxecto daralle resposta a estas ao tempo que permitirá a reorganización da circulación establecendo un único sentido desde a rúa Vincallo cara á rúa Caraveis, seguindo o modelo aplicado noutras rúas paralelas para así ordenar o tráfico, habilitar novas zonas de estacionamento e ampliar os espazos peonís.

A actuación inclúe a creación dunha plataforma única, situando calzada e beirarrúas á mesma cota e diferenciando os espazos mediante distintos pavimentos. Esta solución mellora a integración do espazo urbano e favorece unha mobilidade máis cómoda e segura.

O proxecto incorpora medidas específicas para garantir a accesibilidade universal, como a ampliación dos itinerarios peonís, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a reserva de prazas para persoas con mobilidade reducida e a instalación de sinalización táctil para facilitar a orientación das persoas con discapacidade visual.

No ámbito das infraestruturas, substituirase a actual rede de saneamento por un sistema separativo de augas pluviais e residuais, mellorando o seu funcionamento e contribuíndo á protección ambiental.

Tamén se renovará o alumeado público mediante a instalación de luminarias LED de baixo consumo e canalización soterrada, o que permitirá incrementar a eficiencia enerxética e mellorar a calidade da iluminación.

A actuación completarase coa colocación de novo mobiliario urbano e coa mellora das zonas verdes existentes así como a execución de novos pasos de peóns e a renovación sinalización vertical e horizontal, reforzando as condicións de seguridade viaria.

⚙ Configurar cookies
0.081784963607788