As Pontes licita as obras de mellora do camiño de Couce Seco
A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou, a semana pasada, o expediente de licitación das obras de mellora do camiño municipal de Couce Seco, na parroquia do Freixo.
As obras, cun orzamento de 66.808,94 euros con cargo aos fondos Agader, permitirán a rehabilitación deste camiño pra dotalo dunha óptima calidade, tanto superficial como estrutural, aumentado a súa seguridade.
Entre os traballos que se levarán a cabo destacan o varrido de superficie e limpeza de marxes así como a limpeza das cunetas e á eliminación de vexetación que invada o vial.
O firme do camiño mellorarase mediante a reparación das fochancas existentes e a execución dun rego semiprofundo con grava e dobre tratamento superficial con grava, con idénticas características ao actual.
As obras de mellora dos camiños municipais parroquias permiten ao goberno local continuar co proxecto de mellora das infraestruturas no ámbito rural co obxectivo de favorecer a calidade de vida da veciñanza.