As Pontes licita as obras de mellora do parque das Campeiras
A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou o expediente de licitación das obras de reparación e mellora da área de xogos infantís da Rúa covelos, nas Campeiras.
O proxecto, que ten un orzamento de 23.200 euros e que será financiado a través do Plan Provincial de Medio Ambiente 2016, está destinado a renovar e axeitar a área de xogos das Campeiras coa restauración dos elementos deteriorados e a dotación dun novo elemento de xogo.
Asemande, entre os traballos previstos tamén se atopan a reposición do valado de seguridade, delimitando todo o perímetro da área de xogo, seguindo a mesma proposta estrutural e estética dos diferentes parques municipais, e a colocación de portas de acceso e elementos de sinalizacion, tanto nos xogos como no propio parque.
As obras completaranse coa limpeza das actuais baldosas de caucho e a súa preparación para a aplicación dunha capa de caucho SBR continuo, que actuará como base, destinada a minimizar o impacto ante posibles caídas para ofrecer a máxima seguridade e protección aos nenos e nenas ante o risco de caídas.
Esta actuación forma parte do plan do goberno municipal para mellorar as áreas intantís do concello “zonas moi utilizadas e frecuentadas polas familias pontesas. O uso, o paso do tempo e as inclemencias climatóloxicas provocan o deterioro destas áreas e é preciso intervir nelas, non só para adecentar a zona de xogo senón tamén para mellorar a protección e que todos os menores gozen dun espazo seguro, coas mellores condicións posibles onde poidan sair a xogar con total tranquilidade”.