As Pontes licita as obras de mellora dos camiños de Couce e do Castro
A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou o expediente de licitación das obras de mellora dos viarios do Couce e do Castro.
Un proxecto cun orzamento de 30.000 euros que permitirá mellorar a actual capa de rodadura de ambos camiños coa extensión dunha capa de aglomerado bituminoso en quente en toda a plataforma.
Entre os traballos previstos tamén se contempla a reparación das fochancas e o perfilado dos mordentes con grava e tratamento asfáltico así como a execución de sobreanchos nas zonas dos viarios que sexan precisas para garantir a seguridade e a mobilidade do tráfico rodado e peonil.
As obras comezarán coa limpeza do viario e das cunetas para lograr o correcto drenaxe, tanto lonxitudinal como transveral do firme, e rematarán coa reposición da sinalización horizontal segundo o código de circulación vixente.