As Pontes licita as obras de mellora no Camiño de Cabeza de Fornos e Casas Ermas

O Concello das Pontes aprobou o expediente de licitación do proxecto de mellora do pavimento no camiño que une Cabeza de Fornos e Casas Ermas, na parroquia de Aparral.
O investimento desta actuación ascende a 60.164,08 euros e está financiado pola Deputación da Coruña, demostrando o compromiso conxunto para a mellora das infraestruturas rurais no Concello das Pontes e forma parte dos plans municipais para o presente ano, co obxectivo de garantir unha mellor calidade e seguridade na circulación nun viario clave para o tránsito agrícola e veciñal da zona rural.
As obras previstas contemplan a limpeza xeral das cunetas, o reafirmado dos bordos e o rebacheo xeral da superficie. Ademais, levarase a cabo a aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente para regularizar o firme, sen modificar o ancho da plataforma nin realizar novos afirmados.
En concreto, os traballos incluirán a limpeza de desaugadoiros existentes e a sinalización horizontal coa marcaxe dos bordos e a instalación de sinais, garantindo así unha mellor seguridade viaria para as persoas usuarias.
Con esta intervención, o Concello busca manter en bo estado os accesos rurais, facilitando a mobilidade dos veciños e contribuíndo ao desenvolvemento do medio rural.