As Pontes licita varias obras viais por valor de 220.000 euros

TerraChaXa
Centraranse nas rúas Real (fase 1) e A Balsa (fase 2), e na zona de Vila e a súa contorna
obras-rua-real-as-pontes
2 Jan 2025

A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou os expedientes de licitación, por valor de 219.288 euros, das obras de mellora da rúa Real (fase 1) e a rúa A Balsa (fase 2), na zona de Vila e a súa contorna.

No caso da rúa Real, levarase a cabo a renovación do pavimento e dos servizos existentes. Así, retirarase o pavimento existente e, previa á colocación da nova pavimentación, executarase unha nova base con leito de area e morteiro de cemento e area. Manteranse os niveis existentes e a colocación das novas lousas será similar á actual, cunha vagada central ao longo da rúa.

Ademais os sumidoiros de pluviais adaptaranse con novas rellas e cercos e procederase á limpeza das zonas adoquinadas, realizando un novo rexuntado onde sexa necesario.
Por outra banda, realizaranse novas liñas de iluminación soterradas por la canalización existente, dotando de cabreado de alimentación e terra para a instalación de novas balizas que complementarán a iluminación existente.

Desde o goberno local, o rexedor, González Formoso apunta que “estes traballados permitirán a reforma integral da rúa, seguindo os mesmos criterios estruturais e estéticos aplicados na rehabilitación doutros viarios da Vila, como no calexón do Trigo e a rúa Perfolla ou na rúa San Xoán, continuando coa nosa aposta pola conservación, protección do patrimonio e a revitalización do conxunto histórico pontés.

Mellora da Rúa A Balsa

O proxecto básico e execución das obras de mellora de servizos e pavimentos na rúa da Balsa permitirá mellorar a accesibilidade así como os servizos públicos de alumeado e saneamento no viario.

Así  executarase unha nova pavimentación  mediante formigón armado impreso e coloreado, resolvéndose o encontro coa calzada  mediante a  colocación de bordo de formigón. Os encontros da beirarrúa coa calzada resolveranse mediante a colocación de
bordo, ampliándoas dentro do máximo autorizado, de forma que as beirarrúas actuais pasarán a ter 30 centímetros máis mantendo a xeometría e liñas xerais.

Instalaranse novas canalizacións para o alumeado e novos báculos e luminarias en todo o percorrido da zona de actuación. Por outra banda,  executaranse as instalacións de saneamento mediante redes separativas e as acometidas necesarias.

Así mesmo, substituirase a varanda actual na ponte do río Chamoselo por una de aceiro galvanizado e pintado.

0.11490082740784