As Pontes licitará obras por preto de medio millón de euros
O Concello das Pontes anuncia unha inversión de preto de 485.000 euros, con cargo ao POS 2019 da Deputación da Coruña, para levar a cabo diversas actuación de renovación e ampliación dos servizos no centro urbano do municipio co obxectivo de continuar mellorando a calidade de vida da veciñanza pontesa.
En concreto, o Concello licitou os traballos de mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Galicia, Fase III, cun orzamento de 227.563 euros, no tramo comprendido entre a Ponte de Isabel II e a Praza do Hospital.
Os traballos están encamiñados a eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas, substituír a capa de rodadura existente por aglomerado impreso para gañar en seguridade e comodidade, creando unha rúa na que os peóns gañan relevancia, seguindo a liña estrutural e estética das fases anteriores.
O proxecto inclúe a mellora da iluminación coa execución dunha nova canalización eléctrica, instalación de arquetas e o retranqueo das luminarias para realizar unha nova disposición ao tresbolillo así como a instalación de captafaros led nos pasos peonís.
Está prevista a renovación da rede de saneamento en ambas marxes da rúa. Levarase a cabo a conexión das acometidas das augas fecais e as conexións á nova rede de drenaxe das baixantes dos tellados así como a instalación de sumidoiros e a separación da rede de augas pluviais da rede de saneamento.
A terceira fase da Avenida de Galicia tamén inclúe instalación de novo mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e a sinalización completa do tramo.
O Concello das Pontes tamén mellorará e modernizará os servizos básicos municipais na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Rúa Monfero, un proxecto cun orzamento de 170.818 euros.
Entre as actuacións previstas atópase a execución dunha nova rede de recollida de augas pluviais separativa, nas dúas marxes da rúa. Esta rede, que irá dotada dos correspondentes sumidoiros, con arquetas de recollida de acometidas das vivendas, ten como obxectivo prioritario o control do aporte de augas limpas ó sistema de depuración municipal nas épocas de máis choivas evitando posibles inundacións.
O proxecto tamén contempla a substitución das actuais luminarias por novos puntos con tecnoloxía LED, encamiñados a mellorar a eficiencia enerxética no municipio. A nova iluminación pública instalarase sobre báculos dobres, cun punto de luz sobre a estrada e outro de paso para a beirarrúa.
Así mesmo procederase á renovación das beirarrúas, seguindo o mesmo deseño da zona, homoxeneizando a estética de todas as rúas do centro urbano, apostando pola eliminación das barreiras arquitectónicas nun proxecto de pobo máis funcional, no que toda a veciñanza poida moverse sen dificultades.
Os traballos completaranse coa dotación de bancos, papeleiras e xardineiras e coa sinalización horizontal e vertical precisa.
Por outra banda, 86.491 euros irán destinados ao proxecto de rehabilitación da rúa A Casilla que permitirá mellorar a pavimentación e a accesibilidade na marxe dereita do viario, entre as rúas Eduardo Pondal e Curros Enríquez.
As obras, xunto coa substitución da pavimentación actual por formigón impreso, contempla a renovación dos servizos públicos municipais. A través desta actuación, o Concello de As Pontes quere dar resposta a unha vella demanda da veciñanza para impulsar a contorna, eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a mobilidade na zona, aumentando a calidade de vida dos veciños e veciñas.
Por outra banda, na súa aposta por mellorar a eficiencia enerxética do municipio, impulsar unha vila máis sostible e promover o aforro, o Concello de As Pontes retirará as luminarias actuais, situadas nas fachadas dos edificios, e o cabreado existente, para substituílas por novos báculos e puntos de luz, con tecnoloxía LED, situados na beirarrúa.
Tamén se procederá á renovación das instalacións de saneamento, coa construción dunha rede separativa de augas pluviais e fecais que incluirá a creación de arquetas para a recollida das acometidas individuais das edificacións así como as acometidas dos sumidoiros e de recollida das augas procedentes dos domicilios. Ademais disporanse pozos de rexistro separativos e levarase a cabo a adaptación dos rexistros existentes (pozos e arquetas) á rasante final da rúa.