As Pontes loita para non perder un símbolo do seu pasado e do seu futuro industrial

Na madrugada do pasado martes, as máquinas de Endesa iniciaron o derrubo do Parque de Carbóns da Central Térmica das Pontes. "Sen aviso previo á veciñanza, sen debate público nin consenso institucional, comezaron a caer os primeiros arcos dunha das maiores obras da enxeñería industrial do século XX", explican desde a asociación Amigos das Pontes. O que se está a demoler non é so un vestixio menor do pasado, senón unha infraestrutura única: o maior espazo cuberto diáfano de España e o segundo do mundo, só superado polo hangar Airbus de Jean-Luc Lagardère, en Francia.
"A decisión, amparada nunha licenza concedida polo goberno municipal do PSOE, encabezado por Valentín González Formoso, e coa pasividade da Xunta de Galicia, supón para moitos unha perda irreparable do patrimonio industrial galego", engaden. Aínda así, desde o Concello sumáronse á reclamación, e, tras unha reunión do alcalde coa Plataforma para a Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, este acordou esixir por escrito a paralización cautelar inmediata da demolición "mentres non se resulevan as solicitudes para que sexa declarado Ben de Interese Cultural", dixo. Tamén anunciou a convocatoria inmediata dun pleno extraordinario "para un pronunciamento claro". O obxectivo é enviar dito pronunciamento á Consellería de Cultura.
Tamén se confirmou a apertura dunha mesa de recollida de firmas no Concello, chamando á mobilización veciñal. Ademais, o venres, na Casa Dopeso, se lle trasladará ao presidente Alfonso Rueda dita demanda coincidindo co acto sobre os fondos de Transición Xusta.
O Parque de Carbóns non só foi unha peza clave no funcionamento da central térmica, senón tamén un referente mundial da enxeñería, cunha cuberta de arcos pretensados que sostiñan unha superficie de máis de 96.000 metros cadrados, capaz de albergar tres estadios como o de Riazor. A súa solución técnica chegou incluso a servir de modelo para outras grandes infraestruturas, como o hangar do aeroporto de Madrid.
A pesar do peche da mina en 2007 e da central en 2023, a estrutura mantíñase en bo estado de conservación, cun repintado recente e sen signos de deterioro grave. Por iso, desde amplos sectores sociais e culturais considérase que o derrubo "non responde nin a criterios de seguridade nin a unha estratexia de transición ecolóxica, senón a unha decisión política que aposta pola vía máis rápida e destrutiva, fronte á reutilización e resignificación do patrimonio industrial".

AS PETICIÓNS QUE NON TIVERON RESPOSTA
Neste contexto, a asociación Amigos das Pontes vén alertando desde hai meses da urxencia de actuar para evitar a desaparición do Parque de Carbóns. A entidade presentou un escrito no Concello solicitando un acordo plenario que amose o apoio expreso da corporación municipal á defensa desta infraestrutura, trasladando esa reclamación ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O obxectivo é situar a reutilización do Parque de Carbóns como unha prioridade estratéxica para o futuro do municipio, nun momento marcado pola reconversión industrial.
Desde a asociación destacan que esta infraestrutura podería converterse nun motor de desenvolvemento económico, cultural e turístico, seguindo exemplos europeos nos que antigas instalacións industriais foron transformadas en espazos culturais, tecnolóxicos ou de innovación. A recente visita do experto Alfonso Muñoz Custa reforzou esta visión, advertindo dunha destrución progresiva e, ao seu xuízo, "irresponsable dun patrimonio singular que aínda está a tempo de ser recuperado con criterios técnicos e de sustentabilidade".
Amigos das Pontes tamén solicitou formalmente á Xunta de Galicia a incoación do expediente para declarar o Parque de Carbóns Ben de Interese Cultural (BIC), así como a elaboración dun proxecto integral de reutilización financiado con fondos de Transición Xusta. A proposta incluía a creación dun centro de referencia nun antigo edificio de Endesa e a posta en marcha dun Comité de Transición Xusta das Pontes, que permitira planificar de forma participativa o futuro das infraestruturas industriais e da contorna do lago.
Porén, a realidade impúxose coa entrada das máquinas. Endesa conta cunha licenza que permite actuacións que comprometen definitivamente a conservación desta estrutura histórica. Para os colectivos defensores do patrimonio, o derrubo do Parque de Carbóns é unha agresión á memoria colectiva e unha oportunidade perdida para construír un novo futuro con identidade propia. Hoxe caen os primeiros arcos; con eles, tamén se esfarela unha parte esencial da historia industrial das Pontes.