As Pontes mellorará a zona de xogos do parque municipal
O Concello das Pontes vén de aprobar o expediente de licitación das obras de rehabilitación das zonas de xogo do parque do Campo da Feira, uns traballos que serás sufragados con fondos propios e cuxo orzamento supera os 48.387 euros.
O proxecto inclúe a restauración e mantemento dos xogos existentes nas catro zonas de xogo nas que se organiza o parque municipal así como o subministro de novos xogos, o saneamento das zonas do pavimento de caucho e a retirada do valado perimetral entre a zona destinada aos menores con idades entre os 0 e os 6 anos e a zona reservada para os maiores de 6 anos (zona B) ademais doutras tarefas de mantemento, acondicionamento e limpeza.
Así na zona destinada a nenos e nenas menores de 6 anos (zona A) vanse levar a cabo, nos elementos de xogo, tarefas de mantemento que inclúen a limpeza con hidrolimpadora e pintado das zonas de madeira mentres que nas partes galvanizadas realizarase un lixado e limpeza das capas deterioradas para, a continuación, proceder á aplicación dunha capa de pintura que permita a restauración da galvanización.
Ademais nesta zona vaise reubicar a randeeira inclusiva que na actualidade se atopa na zona destinada aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos, someténdoa, previa a súa instalación, aos mesmos tratamentos de limpeza e protección que ao restos de elementos de xogo.
Por outra banda instalarase unha nova peza de pavimento na zona da rede do xogo con forma de barco e no banco con forma de verme efectuarase, tras a súa limpeza, unha reposición das tapas de tornillería. Así mesmo, os xogos con forma de automóbil e cabalo van ser eliminados debido ao seu mal estado e serán substituídos por novas pezas de xogo.
No caso dos elementos de xogo situados na zona destinada para os nenos e nenas de primaria, con xogos aptos para o rango de idade comprendido entre os 6 e os 14 anos (zona B), vaise proceder a limpeza, con hidrolimpadora, e pintado , con varias capas de Lassur, do xogo das cordas e do tobogán mentres que o xogo de equilibrio e o balancín de dúas prazas serán eliminados e substituídos por novas pezas de xogo.
Estas mesmas tarefas de mantemento, de limpeza e pintado, vaise levar a cabo tamén nos elementos de madeira da randeeira con forma hexagonal ubicada unha segunda zona de xogos (Zona C) destinada a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Este xogo ten a particularidade de posuír pezas de aceiro pintadas que actualmente se atopan en mal estado, polo que se procederá á limpeza de pezas procedendo despois á aplicación de varias capas de pintura continuando co mesmo esquema de cores actual.
Finalmente a peza de madeira con forma de tren, ubicada na zona de xogos destinada ao nenos e nenas de infantil (Zona D), vai ser sometida ás mesas tarefas de mantemento, limpeza e pintado que o resto de elementos de xogo do parque municipal.
Todas estas actuacións contemplaranse coa saneado do pavimento de caucho das zonas A e B do parque municipal.