As Pontes, novo membro da Rede Europea de Patrimonio Industrial
O Concello das Pontes forma parte, desde a semana pasada, da Rede Europea de Patrimonio Industrial ERIH (Eureopean Route of Industrial Heritage), asociación que agrupa 1.600 enclaves de interese patrimonial de 47 países europeos e que, entre os seus obxectivos, atópase promocionar o turismo potenciando a dimensión europea do patrimonio industrial e os vínculos internacionais que este xenera.
Elena López, concelleira de Turismo apunta que “esta rede enlaza e articula os principais recursos turísticos relacionados co pasado industrial de Europa e a incorporación das Pontes, permitirá amosar, dunha forma máis completa, o que somos a partir do que fomos, servindo para dar a coñecer as edificacións industriais, testemuñas do desenvolvemento económico e social das Pontes. Agora convértense na base potencial dun novo desenvolvemento, como recurso turístico, a través da súa posta en valor e conservación”
A integración nesta rede permitirá que As Pontes, único enclave da provincia da Coruña e un dos tres espazos galegos que forman parte da ERIH, se beneficie das experiencias levadas a cabo en distintos países europeos no ámbito do turismo industrial para, deste xeito, abrir as portas á creación e posta en marcha dun produto turístico innovador que ofrecerá ás persoas visitantes unha experiencia vencellada ao patrimonio industrial da vila relacionado coa minería e a produción eléctrica.
Así mesmo, As Pontes formará parte do amplo abano publicitario da rede ERIH e doutras accións promocionais entre as que se inclúen exposicións, conferencias, encontros e foros internacionais sobre patrimonio industrial.
Neste sentido, Elena López incide que “desde o Concello das Pontes se traballará na implementación de ferramentas dixitais así como doutros servizos que permitan mellorar a experiencia de visitantes turistas en destino e que posibiliten seguir dando a coñecer o patrimonio industrial da vila”