As Pontes organiza un curso de estimulación temperá no conservatorio
O Concello das Pontes abre o prazo de inscrición no curso de Estimulación Musical Temperá do Conservatorio de Música Profesional do Municipio, unha iniciativa posta en marcha, no ano 2022 e na que xa participaron medio cento de familias, dirixido a nenos e nenas de entre cero e tres anos que ten como obxectivo prioritario contribuír, a través da música, ao desenvolvemento intelectual, físico, sensorial e afectivo-emocional dos bebés.
Tania Pardo, concelleira de Educación incide en que “a través deste curso o que pretendemos é introducir os beneficios da aprendizaxe musical en idades temperás contribuíndo, entre outros aspectos, a desenvolver a lingüística, a aprendizaxe de varios idiomas ou a capacidade de abstracción matemática”.
A aula de estimulación musical temperá (EMT) do Conservatorio das Pontes baséase na teoría da aprendizaxe musical do pedagogo norteamericano E. Gordon, para, a través de diferentes actividades, crear as condicións idóneas para que as crianzas, xunto coas súas familias, desenvolvan aptitudes musicais.
En diferentes sesións, cunha duración de 45 minutos e que as crianzas realizan en compañía de persoas adultas da súa familia, trabállanse diferentes áreas do desenvolvemento infantil, motoras, cognitivas, sociais e da linguaxe orientadas a favorecer a capacidade de atención, a escoita, a concentración ou a imaxinación, para aprender a seguir o ritmo, lograr cantar en grupo ou crear unha melodía.
O curso inclúe actividades como saúdos e despedidas para inculcar a rutina a través destes rituais sociais que lles axudará a comprender cando comeza e cando acaba unha clase. Cancións para dramatizar que lles facilitará a aprendizaxe das cancións a través da xesticulación.
O movemento será outro dos piares das clases xa que lles axuda a coñecer mellor a contorna, ensínalles a situarse, o pulso da música ou a socialización co resto de alumnado e familias do grupo, aprendendo a canalizar e transformar as súas emocións, empregar a imaxinación e explorar a súa creatividade.
Tania Pardo subliña que “esta nova edición do curso de Estimulación Musical Temperá ofrece unha oportunidade ás familias do municipio para reforzar os vínculos coas súas fillas e fillos e favorecer os estímulos e a capacidade intelectual, xa que, canto máis se exerciten, máis positivamente influirá no seu desenvolvemento”
As persoas interesadas en matricularse neste curso poderán facelo, ata o 17 de xuño, na sede electrónica municipal do Concello das Pontes, a través da seguinte ligazón: https://sede.aspontes.org/opencms/gl/procedimientosytramites/tramites/SolicitudConservatorioMusica_N