As Pontes organiza unha charla sobre o abuso dos videoxogos na mocidade
O concello das Pontes organiza unha charla-coloquio sobre o uso e abuso dos videoxogos, o sábado, 27 de abril, ás 10:00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso.
Esta charla ten como obxectivo prioritario informar ás familias pontesas e profesionais do ámbito educativo, sobre hábitos saudables e os riscos que supoñen os videoxogos para a mocidade para, deste xeito, convertelos no primeiro axente preventivo de condutas aditivas, ofrecéndolles información, métodos e ferramentas para enfrontarse a estas actitudes de abuso.
A charla será impartida por Nelly Rey, pedagoga, coach e protagonista do programa Cuestións persoais da TVG, espazo de asesoramento no que se axuda a persoas con problemas persoais ou profesionais a superalos.
Durante esta charla abordaranse cuestións relacionadas con esta nova realidade que afecta as xeracións máis novas e causa gran preocupación entre as súas familias tales como a tipoloxía de videoxogos existentes, o carácter aditivo dos mesmos, o seu impacto sobre á rapazada tanto desde o punto de vista escolar como social ou as súas consecuencias físicas e psicolóxicas.
Ademais exporase un decálogo de boas prácticas para nais e pais co fin de promover, entre os máis novos, un uso responsable dos videoxogos e actitudes saudables fronte ás novas tecnoloxías e os dispositivos electrónicos.
Unha vez finalizada darase paso a un coloquio no que os asistentes poderán facer preguntas á relatora e resolver as súas dúbidas.
A través desta charla o Concello das Pontes buscan ofrecer orientación ás familias pontesas sobre unha nova realidade social, o modo máis axeitado para convivir con ela e alertar dos riscos que o exceso de uso das novas tecnoloxías poden entrañar para a veciñanza máis nova.