As Pontes organiza visitas turísticas guiadas polos puntos chave do territorio
As Pontes ofrecerá desde este sábado visitas guiadas polos puntos chave do seu patrimonio. Estes rutas celebraranse os próximos catro sábados e xirarán arredor da Vila (o casco antigo) e do patrimonio industrial do municipio.
A responsable de Turismo, Elena López, resalta que “este tipo de actividades son fundamentais para visibilizar dunha forma máis clara e profunda o noso e de achegarnos á nosa historia. Coñecendo o noso pasado, póñense en valor ese elementos que se poden desfrutar no presente e trasládase a aprendizaxe de respectalos. Son tamén un recurso turístico máis que xera coñecemento arredor do interese e curiosidade de quen nos visita”.
As rutas guiadas comezarán ás 12 horas e terán unha duración aproximada de hora e media. A primeira delas, este sábado, percorrerá a vila e a súa historia. Comezará na praza do Hospital, seguindo pola rúa Real, e rematará na ponte de Isabel II. Realizaranse paradas explicativas nos murais que forman parte do proxecto As Pontes EnPezas ubicados na zona, na igrexa da Santa María ou no albergue de peregrinos. Aproveitarase a visita para falar da figura de García Rodríguez de Valcarce e a súa vinculación coa Vila. Esta visita poderá desfrutarse tamén o próximo sábado 28 de agosto.
O sábado día 4 de setembro os roteiros guiados percorrerán o Patrimonio Industrial das Pontes. Esta ruta iniciarase no Lago das Pontes, onde se poderá observar a rotopala ou percorrer a Senda da Memoria. Logo, realizarase unha visita exterior á Central Térmica e á de Ciclos Combinados e finalizará no poboado das Veigas, onde se poderá coñecer máis de preto elementos como a Igrexa do Poboado ou o Conservatorio. Esta visita repetirase o sábado 11 de setembro.
Debido ás restricións sanitarias vixentes, estas visitas estarán limitadas a dez persoas. A inscrición para os roteiros guiados realizarse no teléfono 673 240 434.