As Pontes perfuma o outono cun obradoiro sensorial de cogomelos na Casa Dopeso

O programa 'As Pontes, Terra de Cogomelos' continúa a encher de actividade o outono no municipio. A Casa Dopeso acolleu un obradoiro olfativo e sensorial de cogomelos, no que as persoas participantes aprenderon a distinguir e recoñecer diferentes aromas e esencias de fungos e doutros elementos naturais. A proposta, de marcado carácter divulgativo, completou o aforo.
A formación estivo dirixida por María Cabaleiro, doutora e investigadora da Universidade de Vigo especializada en micoloxía e etnomicoloxía. Cabaleiro forma parte da área de Botánica da institución olívica e defendeu en 2024 unha tese centrada nos saberes tradicionais arredor dos fungos en Galicia e no norte de Portugal.
A programación culinaria tamén ten continuidade: as Xornadas micogastronómicas seguen durante esta fin de semana con pratos elaborados con cogomelos en dez establecementos hostaleiros das Pontes, unha invitación a 'degustar o outono' en bares e restaurantes da vila.
'As Pontes, Terra de Cogomelos' suma este ano máis dunha ducia de actividades gratuítas (rutas, charlas, obradoiros e a Feira de Fungos e Cogomelos) e alcanza a súa quinta edición, consolidándose como un referente da divulgación micolóxica na comarca.