As Pontes pon en marcha a iniciativa Mercazoko, para impulsar o comercio local

TerraChaXa
Ao longo da xornada, preto de vinte establecementos locais trasladarán a súa actividade á pista exterior do pavillón polideportivo municipal do Poboado da Fraga
mercazoko-as-pontes
9 Jun 2025

O vindeiro sábado 14 de xuño, o Concello das Pontes, en colaboración coa asociación Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios de As Pontes Cohempo, pon en marcha MercaZoko, unha nova iniciativa que ten como obxectivo promover e visibilizar a importancia do comercio local como elemento esencial no desenvolvemento económico do municipio e, ao mesmo tempo, aproveitar a afluencia de visitantes que se esperan durante a fin de semana no municipio, coincidindo coa celebración do I Encontro de Palillos das Pontes, a Romaría das Merendas e a Concentración de Caravanas, para reforzar a conexión entre comercio e cidadanía.

Elena López, responsable da área apunta que “MercaZoko nace como unha aposta firme pola dinamización do comercio de proximidade, un sector que destaca por ofrecer atención personalizada, servizo postvenda de calidade, flexibilidade e un compromiso directo coa veciñanza e que xoga un papel chave na creación de emprego, a fixación de poboación e o fortalecemento da identidade da vila”

Ao longo da xornada, preto de vinte establecementos locais trasladarán a súa actividade á pista exterior do pavillón polideportivo municipal do Poboado da Fraga, cun horario de apertura de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

O espazo converterase nun escaparate vivo da diversidade e calidade da oferta comercial pontesa e no que as persoas visitantes poderán atopar propostas de moda, calzado, complementos, agasallos, decoración, artesanía galega e moito máis.

Durante a celebración de MercaZoko, todas as persoas que realicen compras poderán participar nun sorteo instantáneo con tarxetas “rasca” con premios valorados en 600 euros, canxeables nos postos participantes. Ademais, sortearanse catro cestas de picnic recheas con produtos locais, como símbolo do apoio á economía circular e aos produtores de proximidade.

⚙ Configurar cookies
0.17022299766541