As Pontes pon en marcha a mellora dos camiños rurais
O Concello das Pontes porá en marcha, a próxima semana, as obras de mellora dos viarios de Veiga da Nata e Pena de Francia para dotalos de maior calidade estrutural e superficial e garantir, deste xeito, a seguridade do tráfico e os viandantes.
Estas actuacións, cun orzamento de 68.559 euros e un prazo de execución de un mes, adxudicadas á empresa Canarga Construcciones, permitirán a reparación integral de ambos viarios coa substitución da actual capa de rodadura por aglomerado.
As obras inclúen traballos de mellora da drenaxe da estrada e, co obxectivo de lograr o correcto entroncamento con outros viarios, procederase ó fresado dos camiños. Ademais efectuarase o varrido da superficie dos viarios e a limpeza das marxes e as cunetas. Tras todas estas actuacións, realizarase a marcaxe dos viarios, o pintado e a reposición da sinalización vertical nas interseccións afectadas.
Desde o goberno local fan fincapé na importancia destes traballos xa que “estes viarios teñen moita importancia para a comunicación entre os núcleos rurais da vila e aínda que durante os últimos anos estivéronse realizando traballos de mantemento, os camiños de Veiga de Nata e Pena de Francia estaban a sufrir importantes deterioras. Con estas obras seguimos coa nosa folla de ruta para mellorar as infraestruturas no ámbito rural e favorecer a calidade de vida dos nosos veciños”.
Maciñeira
Asemade, fai uns dias arrincaron as obras de mellora dos camiños municipais en Maciñeira, adxudicadas á empresa Francisco Gómez y Cía, cun orzamento de 68.559 euros e un prazo de execución de dous meses.
O proxecto permitirá a substitución da capa de rodadura por aglomerado, a limpeza das marxes dos viarios, a reposicións da sinalización vertical e horizontal, así como o pintado do camiño que vai de Maciñeira a Fraga dos Cregos e do viario que parte deste punto en dirección a Porto do Liño para dotalos dunha maior calidade e facendo que sexan máis accesibles, cómodos e seguros.