As Pontes pon en marcha a súa campaña 'Non as fagas invisibles. Afina a mirada' polo 25N

O Concello das Pontes dálle continuidade, por terceiro ano consecutivo, á campaña de sensibilización “Non as fagas invisibles. Afina a mirada”, coa que se busca visibilizar todas as formas de violencia que se exercen contra as mulleres e as nenas, prestando especial atención ás violencias cotiás, simbólicas ou normalizadas que adoitan pasar desapercibidas.
A través desta iniciativa, o Concello quere facer un chamamento á responsabilidade compartida e convidar a toda a cidadanía a afinar a mirada fronte ás desigualdades e ás violencias machistas que permanecen ocultas, recordando que a súa erradicación require implicación social, formación e conciencia colectiva.
As actividades da campaña desenvolveranse entre o 13 de novembro e o 18 de decembro, combinando accións de sensibilización, formación e educación dirixidas a diferentes públicos: alumnado dos IES, tecido asociativo, profesionais da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional (MLCI) e veciñanza en xeral.
O programa arrincará o 13 de novembro cun dobre faladoiro: pola mañá, “Si eu tamén, ti tamén. Todo por non falalo”, dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO no Auditorio Cine Alovi, e pola tarde, o encontro aberto “A mocidade está fatal: xuventude, sexualidade e pornografía”, con Jesús Moreno, psicólogo e sexólogo especializado en xénero e masculinidades, colaborador en espazos como Obxectivo Igualdad de RTVE e o proxecto Bróders.
Do 13 ao 30 de novembro, o Multiusos Casa Dopeso acollerá a exposición “Que hai detrás da prostitución?”, elaborada pola Rede Galega contra a Trata Sexual, que convida a reflexionar sobre a mercantilización do corpo das mulleres e as relacións de poder que a sosteñen.
As accións formativas continuarán os días 18 de novembro e 2 de decembro, con dúas sesións baixo o título “Asociacionismo desde o bo trato e a igualdade: prevención, detección e actuación fronte aos estereotipos e ás violencias machistas”, dirixidas ao tecido asociativo local.
O 19 de novembro, ás 10:00 horas, celebrarase unha formación específica para o persoal da MLCI titulada “Trata e prostitución: detección, coordinación e resposta interinstitucional”, na que participarán Javier Sánchez, subinspector do Corpo Nacional de Policía e xefe do Grupo Operativo de Estranxeiría, e Roberto Ferreiro, coordinador do Centro de Día Oblatas O’Mencer de Ferrol e cofundador da Rede Galega de Loita contra a Trata Sexual, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta profesional ante estas realidades.
As actividades tamén chegarán aos centros educativos, onde, entre o 20 de novembro e o 18 de decembro, se desenvolverán tres propostas coeducativas: “A revolución está servida” (2º da ESO), a actividade “Punto violeta” e o taller “Conectad@s” (1º da ESO).
Como cada ano, o 25 de novembro, ás 12:00 horas, diante da Casa do Concello, terá lugar a tradicional lectura do manifesto institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.