As Pontes pon en marcha un novo ciclo do Programa Integrado de Emprego de Galicia
O Concello de As Pontes, ao abeiro do Programa Integrado de Emprego de Galicia “Pontes de Emprego II”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello, puxo en marcha, durante o mes de abril, un novo ciclo de accións formativas co obxectivo de mellorar a empregabilidade das pontesas.
Dentro desta nova proposta formativa, na que participan 28 mulleres, onte botaba a andar o curso de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, orientado á obtención do certificado de profesionalidade, que permitirá a 13 alumnas adquirir nocións sobre as técnicas administrativas básicas de oficina tales como a organización empresarial e de recursos humanos, a xestión auxiliar da correspondencia e paquetería na empresa o de documentación económico-administrativa e comercial.
Asemade, as alumnas recibirán formación sobre operacións básicas de comunicación, tanto nas relacións profesionais como de comunicación oral e escrita na empresa, xestión auxiliar de arquivo e reprodución en soporte convencional e informático, formación que se complementará con prácticas non laborais en diversas empresas do municipio.
Por outra banda, desde o pasado 8 de abril, 15 mulleres, están a realizar un curso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais que tamén inclúe prácticas en empresas. Durante este curso, cunha duración de 120 horas, as alumnas adquirirán coñecementos sobre técnicas de limpeza (decapado, cristalizado, encerado...); maquinaria de limpeza e técnicas xerais de limpeza (limpeza industrial, tipos de produtos, características e composición, normas de utilización,etc).
A responsable da área de Emprego do Concello de As Pontes, Ana Pena, sinala que “estas accións son unha aposta decidida, do goberno municipal, polas accións de fomento do emprego a través da formación, tratando de que as alumnas adquiran competencias profesionais en dous sectores con un alto volume de demanda laboral para, deste xeito, contribuír a mellorar a súa posición de cara á súa incorporación no mercado de traballo”
Programa Integrado de Emprego de Galicia
O Programa Integrado de Emprego de Galicia “Pontes de Emprego II”,ten como obxectivo prioritario promover e impulsar a inserción laboral de 100 mulleres, con especiais dificultades de inserción laboral;, por medio dun amplo abano de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das beneficiarias.
Trátase dunha ferramenta de axuda e acompañamento especializado para desenvolver as competencias persoais, sociais e laborais do alumnado, acrecentando a súa empregabilidade para, deste xeito acadar, como mínimo, a incorporación laboral do 35% das participantes”
O orzamento do Programa Integrado é de 170.312,50euros, dos cales 136.250 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 34.062,50 euros polo Concello de As Pontes