As Pontes pon en marcha un novo reto lector
A biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco,pon en marcha, por cuarto ano consecutivo, a iniciativa “O reto lector” para fomentar a lectura entre toda a veciñanza e lograr que gocen da literatura.
As persoas que se queran unir a esta iniciativa deberán de ler, no caso do público infantil, 12 libros mentres que o público adulto, a partir de 14 anos, terá que ler 14 títulos do catálogo de fondos bibliográficos municipais.
Co obxectivo de facliitar a elección dos títulos, establecéronse varias categorías temáticas que permitirán aos lectores e lectoras organizar as súas lecturas e o seu calendario da forma que lles resulte máis cómoda, sendo recomendable a lectura dun libro ao mes.
As categoráis elexidas, no caso do público infantil, son un libro que sexa novidade na biblioteca, un libro de poesía, un libro escollido pola súa portada, un libro que no seu título comece pola inicial do nome do menor, un libro que fale de libros, un álbum ilustrado ou un comic, un libro de emocións.
Asemade terán que ler un libro que na súa etiqueta leve un número, un libro que marcase a infancia dos proxenitores do lector ou lectora, un libro que recibise un premio literario, un libro que promova a igualdade e un título de Fina Casalderrey.
O público adulto terán que elixir 14 títulos entre eles unha novidade literaria que haxa na biblioteca, un libro de non ficción ( ensaio, biografía…) un título gañador do premio Cervantes, un libro protagonizado por unha muller, un libro de poesía, unha obra traducida ao galego e un libro de relatos en galego.
Tamén terán que ler o título favorito dun familiar, un libro relacionado con As Pontes ou a comarca, un título sobre artes, un libro que no seu día estivera prohibido, un libro publicado na data de nacemento do lector ou lectora, unha obra ambientada nun futuro distópico e algún libro que levase un premio literario galego.
Co obxectivo de axudar a elixir un título para cada unha das propostas suxeridas, desde a Biblioteca Municipal realizarase unha selección de títulos que estarán a disposición dos lectores e lectoras nos andeis dedicadas ao reto lector.
Os lectores e lectoras que logren completar o reto, ao finalizar o ano, recibirán un recoñecemento ao seu compromiso coa lectura.
A través deste reto, o Concello das Pontes quere dinamizar a lectura entre os usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal e entre aqueles veciños e veciñas que se marcaron como propósito de aninovo ler máis.
Durante o ano 2019 foron 98 ás persoas, con idades comprendidas entre os dous e os 70 anos, que participaron neste reto. A rapazada de cinco anos, no caso do público infantil, foi o grupo máis participativo mentres que no caso do público adulto, o grupo máis numeroso foi o dos veciños e veciñas con idades comprendidas entre os 40 e os 50 anos.
“Trátase dunha iniciativa que tivo moi boa acollida desde a súa posta en marcha. Desde o ano 2017 foron máis de 350 os ponteses e pontesas que participaron no reto lector. Logramos incrementar o número de socios e socias, aumentou a participación nas propostas dos “Xoves na Biblio”, movéronse libros que non tiñan moitos préstamos e naceron novos lectores e lectoras na nosa vila” apúntase desde o Concello das Pontes.