As Pontes pon en marcha un obradoiro de escrita literaria

TerraChaXa
O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco e coa colaboración de Tecedeiras pon en marcha o venres, 9 de febreiro, ás 20:00 horas o obradoiro de escrita literaria Encetando o Maxín.
3 Feb 2024

O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco e coa colaboración de Tecedeiras pon en marcha o venres, 9 de febreiro, ás 20:00 horas o obradoiro de escrita literaria Encetando o Maxín.

Trátase dun obradoiro, dirixido por Xosé Carlos Carracedo recente Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé 2023, quen recolle a testemuña do escritor Eduardo Estévez que dirixiu un obradoiro de escrita no mesmo espazo durante algúns anos até pouco antes da pandemia, que ten como obxectivos principais estimular o exercicio da creación literaria, afondando en diversas técnicas e recursos expresivos da escritura, métodos de traballo, documentación, ritmo narrativo, construción de personaxes ou a distancia literaria entre outras cuestións.

Nas sesións, de dúas horas de duración, serán eminentemente prácticas e nelas partirase da propia voz e dos propios intereses das persoas participantes para proporcionarlle ferramentas para encetar o seu universo literario baixo a premisa de que cada persoa é unha voz que escribe a súa obra.

O obradoiro inclúe a visita de escritores e escritoras convidadas e finalizará a finais de maio cun recital e a edición dunha publicación colectiva.

As persoas interesadas en participar poden obter máis información na Biblioteca Municipal. A inscrición realizarase a través da sede electrónica municipal a partir do luns, 5 de febreiro. Poderá participar calquera persoa con interese nesta disciplina artística independentemente da súa experiencia.

0.071743965148926