As Pontes celebra a súa II Noite Meiga
O concello das Pontes, a través da área de Cultura, botou a andar os preparativos da segunda Noite Meiga, que se celebrará o día 23 de xuño, na canle IV.
Unha cita que ten como obxectivo, segundo Sonia Sueiro, responsable da área de Cultura, “revitalizar a celebración da noite de San Xoán, achegando ós ponteses á cultura e ás tradición populares ó tempo que servir de punto de encontro de toda a veciñanza, cun programa ideado para un público de todas as idades no que haberá unha sardiñada, unha fogueira, actuacións musicais e espectáculos de burbullas, malabares e son”.
A celebración arrincará ás 17:30 horas coas actividades pensadas para os máis novos; contacontos, obradoiros creativos de caracterización de bruxas e bruxos , pintacaras, xogos e música para afastar ás malas ánimas e chamar as boas son algunhas das propostas deseñadas desde o goberno local para achegar ós nenos da vila ás tradicións da noite de San Xoán.
Tamén está prevista a actuación de Willy Pomper cun espectáculo de burbullas xigantes, ó aire libre, no que os nenos poderán facer as súas propias pompas e gozar dun mundo máxico cheo de cor e fantasía.
A continuación das actuacións infantís, a partir das 20:00 horas, o showman Dani Rios e a actriz Gema Gemola, actuarán como mestres de cerimonias e, acompañarán ós asistentes nun percorrido polo mundo das lendas e as tradicións das Pontes entorno a esta noite máxica e darán paso ás actuacións musicais que arrincará da man do grupo Conducto Coloquio que recordará os éxitos dos anos 80 e interpretará os seus propios temas.
Sobre ás oito da tarde tamén dará comezo a sardiñada popular, aberta a todos os veciños que queiran participar, terá un custe de cinco euros por persoa e o menú constará de sardiñas, chourizo, touciño, cachelos e pan.
A partir das 21:30 horas será a quenda de Midnight Riders, tributo oficial de Bon Jovi en España que culminará cun dos momentos máis especiais da noite; a presentación do espectáculo Meigallo da Compañía Internacional Pablo Mendez Perfomances.
Trátase dun espectáculo creado para a II Noite Meiga das Pontes que levará ós espectadores a un mundo máxico onde feiticeiros, bruxos e meigas teatralizarán a liberación dos males, grazas a una espectacular combinación de números aéreos, un coidado atrezzo e un amplo elenco de artistas que serán os encargados de acender a fogueira á medianoite.
A celebración continuará, ás 00:30 horas, coa actuación do grupo Mckuin que realizará un tributo a Queen, que dará paso o concerto do grupo ferrolán, Riff Raff que versionará temas de AC DC. A festa rematará coa actuación de Dj by Jose.