Máis de 600 participantes na nova edición da Northwest Triman das Pontes

TerraChaXa
O único tríatlon de longa distancia de Galicia se disputará o domingo, 26 de xuño, a partir das 08:45 horas e participarán 700 deportistas
nothwest triman trofeos
25 Xuño 2022

Todo listo nas Pontes para a celebración da oitava edición do Northwest Triman, o único tríatlon de longa distancia de Galicia e que, ao igual que nas edicións anteriores, contará cunha proba de media distancia.

A proba, que dará comezo ás 09:00 horas, arrincará nas augas do Lago das Pontes, cun sector de natación de 3,8 km de distancia, nun circuíto de 1,9 km, con saída e chegada na praia, ó que os deportistas terán que dar dúas voltas. A saída para os atletas que compitan en media distancia comezará 15 minutos antes e só terán que dar unha volta no sector de natación.

Continuará co sector de ciclismo. Un circuíto de algo máis de 44 quilómetros no que terán que completar catro voltas (dúas no caso da media distancia) para facer un total de 180 quilómetros que levará ós atletas polos concellos de As Pontes, Xermade e Vilaba.

Por último, o sector de carreira, cos 42 quilómetros da maratón que transcorrerán polas rúas da vila, nun percorrido que dará catro voltas ó mesmo circuíto (dúas no caso da media distancia).

En total, está prevista a participación de 651 participantes, un novo récord de participación que fan desta proba todo un espectáculo.

PUNTO LILA

O Concello das Pontes instalará un Punto Lila a carón da praia do lago durante a celebración do NorthWest Triman. O Punto Lila é unha novidade dentro desta importante proba deportiva e nace como espazo de sensibilización, información e promoción da igualdade, promovendo a reflexión a través de diversos material informativo, así como un xogo para a visibilización das mulleres no deporte e un divertido photocall. O espazo aínda que organizado polo Concello das Pontes, está financiado polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Tania Pardo, explicou que “ter un punto lila durante a celebración desta importante proba deportiva quere facer visible a necesidade de lograr a igualdade en todos os eidos sociais, entre eles un tan importante como o deporte”.

A concelleira comentou datos do informe “Un 2022 de ouro para as mulleres deportistas: de Alice Coachman a Alexia Putellas”, que trata sobre a presenza da muller no ámbito deportivo en España, no deporte federado, así como sobre a brecha de xénero estrutural que afecta tanto á práctica deportiva de base como á profesional. O informe aporta datos como que “no deporte español, 900.000 mulleres practican deportes federados fronte a case 3 millóns de homes”.

CAMBIOS NO TRÁFICO

Debido á celebración desta proba, levaranse a cabo varias modificacións na circulación:

Queda prohibido circular e estacionar dende as 7:00 ata as 19:00 horas nas rúas avenida de Lugo,  avenida de Galicia, Rego do Muiño, avenida das Veigas, rúa da Casilla, raza do Hospital, Xosé María Penabad López  e Paseo da Constitución.

Tamén estarán pechadas ao tráfico os tramos das estradas seguintes:

  • A nova variante da AC-801 dende o Gadis ata a Glorieta da Areosa (agás para os vehículos que  accedan a gasolineira)
  • AC-101, dende a Glorieta da Casilla ata o cruce do Brixeo, (Pk nº 2)  
  • AC-105, Glorieta da Casilla ata a entrada de ENDESA (Pk nº 0)     
  • AC-861 dende o cruce do antigo Tanatorio (Pk nº 26 ) ata Santaballa (Pk nº 6)
  • AC-861 dende o acceso de Endesa ata a glorieta da Autovía AG-64 (Pk nº 29)
  • DP 7004 dende o final da Avenida da Habana, ata o cruce de Vilarnovo.

Os usuarios que desexen entrar ou saír da vila cara Ferrol, Lugo ou A Coruña, deberán facelo pola avenida da Habana, rúa Monfero, rúa Cruz Das Airas, Presa de Alende, rúa da Balsa e acceso á autovía AG-64. Os veciños da zona de Ribadeume deberán acceder ao centro urbano pola glorieta da autovía AG-64.

nothwest triman punto lila
nothwest triman plano trafico
0.19039797782898