As Pontes prepárase para a gran final dos concursos de receitas Terra de Cogomelos este sábado

A final dos concursos de receitas As Pontes, Terra de Cogomelos celebrarase este sábado 29 de novembro no local da Choupana, a partir das 10:00 horas, nunha cita aberta ao público que promete ser unha festa para os sentidos. Tras semanas de creatividade, sabor e entusiasmo, o certame chega ao seu momento decisivo, no que se poderán degustar as receitas finalistas e asistir á entrega de premios.
O xurado seleccionou as doce propostas que competirán na edición de 2025, distribuídas en catro categorías: Mellor Cociñeiro Profesional en prato salgado, Mellor Cociñeiro Profesional en prato doce, Mellor Cociñeiro Amateur en prato salgado e Mellor Cociñeiro Amateur en prato doce. As receitas finalistas, que van desde pratos elaborados con shiitake, portobelos ou cantarelas ata propostas doces con chocolate, mazás ou follado, amosan a elevada calidade culinaria que está a medrar na comarca.
A organización destacou o orgullo que supón ver como, ano tras ano, a micogastronomía se converte nun motor creativo que transforma as receitas en verdadeiras pezas de poesía cociñada. O concurso reúne tanto a profesionais como a afeccionados que cociñan con alma, e que reflicten, en cada prato, o cariño e o talento gastronómico da terra.
A final deste sábado contará cun espazo de degustación aberto a todas as persoas que queiran gozar dos sabores do outono e descubrir as creacións dos doce participantes seleccionados. A organización anima á veciñanza a achegarse ao local da Choupana para celebrar, unha vez máis, o talento culinario das Pontes e arredores.