As Pontes prepárase para a Romaría das Merendas con música, tradición e moita festa

O Concello das Pontes celebrará o sábado 14 de xuño unha nova edición da popular Romaría das Merendas, que terá lugar na Fraga de Dona Rita. Baixo o lema Velai vai outro baile, o evento promete unha xornada completa de festa, tradición e convivencia veciñal.
A programación arrincará ás 13:00 horas coa sesión vermú, ambientada con indumentaria dos anos 50, e contará coas actuacións de Axóuxere (Roupar), Vai Rañala Meu (Narón) e Benofán (Calo). Ás 15:00 horas será o momento das merendas abertas á veciñanza, romeiros e romeiras, onde se invita á xente a levar a súa propia comida e mantas, xa que non haberá postos de venda de alimentos nin bebidas.
A partir das 18:00 horas e ata as 23:00 terá lugar a Foliada Estelar, con concurso de agarrados e a participación de recoñecidos grupos e artistas como Sondalla Illa de Arousa, Algarabía (Valdoviño), Aquí e Alá (Outes / Lousame), No Cómbaro (da casa), Xosé Liz e Antía Cavaeiro (As Pontes / Vigo), Traspés (Vigo), Petricor (Compostela) e Os Sibailas (Madrid).
Como colofón, celebrarase unha foliada libre, que promete ser unha auténtica verbena de "moito calibre".
Unha cita imperdible para amantes da música tradicional, das merendas ao aire libre e das celebracións populares que unen xeracións e comunidade nun ambiente festivo e familiar.