As Pontes prepárase para a súa Feira dos Fungos e Cogumelos

TerraChaXa
O Concello das Pontes celebra esta fin de semana a XXXII edición da Feira de Fungos e Cogomelos cun completo programa de actividades.
presentacion feira fungos cogumelos as pontes
25 Oct 2022

O Concello das Pontes celebra esta fin de semana a XXXII edición da Feira de Fungos e Cogomelos cun completo programa de actividades no que destacan as propostas micolóxicas, gastronómicas así como as culturais.
Elena López, concelleira de Turismo sinala que “nesta ocasión, ao igual que na edición anterior, queremos poñer en valor os produtos do noso monte e as súas potencialidades pero nesta ocasión, desde a perspectiva das persoas consumidoras e do emprendemento, centrándonos no seu aproveitamento gastronómico, no seu papel como motor económico e como elemento impulsor do turismo”.

A celebración comezará o sábado, 30 de outubro, ás 08:00 horas cunha saída micolóxica ao monte, dirixida polo micólogo José Luis Cuba co obxectivo de amosar ás persoas participantes distintos hábitats e os fungos e cogomelos que viven neles, recollendo exemplares que, a partir da tarde, estarán expostos na carpa localizada na rúa Alexandre Bóveda.

Ás 10:00 horas dará comezo, noutra carpa, tamén situada na Rúa Alexandre Bóveda, o mercado de produtos no que o público asistente poderá adquirir fungos e cogomelos, produtos alimentarios de tempada e produtos de artesanía, entre outros. O mercado estará aberto o sábado ata as 20:00 horas e volverá abrir as súas portas o domingo, das 10:00 horas ata as 16:00 horas.

A xornada do sábado continuará cun obradoiro de cociña, dirixido a persoas adultas, a cargo do cociñeiro Antonio Díaz, no que amosará novidosas elaboracións culinarias onde os fungos e os cogomelos terán un papel protagonista e que incluirá a degustación dos pratos elaborados.

A partir das 12:30 horas, a compañía Inventi Teatro, chegará ao parque municipal cun espectáculo de rúa onde o público poderá probar de primeira man os efectivos produtos do Doutor Milagre, nunha obra que mistura teatro e cine para tratar sobre un crime sen resolver, unha morte que provoca sospeitas e preguntas sobre a súa autoría, motivacións e consecuencias.

Ás 13:00 horas procederase á apertura da zona Mico gastronómica, instalada no patio do Colexio Santa María no que Autga Autóctonas elaborará diferentes tapas, hamburguesas e sobremesas a base de fungos e cogomelos. A partir das 13:30 horas será momento para a música da man do grupo The Rapants.

Xa en horario de tarde, ás 17:00 horas, será a quenda para o público infantil cun obradoiro de cociña da man de Antonio Díaz no que os máis pequenos se poderán achegar, dunha forma sinxela e divertida, ao mundo da cociña con fungos e cogomelos, aprendendo a preparar algúns dos seus pratos favoritos dun xeito diferente.

A xornada do sábado rematará con dous concertos no patio do Colexio Santa María protagonizados por Grande Amore, ás 20:00 horas e Cariño, ás 21:15 horas.

A xornada do domingo comezará ás 09:00 horas, na carpa instalada na rúa Alexandre Bóveda, coa recepción, ata ás 10:30 horas, das persoas participantes no concurso de cestas da Feira de Fungos e Cogomelos. O fallo do xurado coñecerase sobre as 12:00 horas e repartiranse un 1º premio de 400 euros, un 2º premio de 200 euros, n 3º premio de 150 euros, un 4º premio de 100 euros e un 5º premio de 75 euros. Ademais haberá un premio especial xuvenil valorado en 75 euros e un premio especial de 400 euros.

Ás 12:30 horas, no Parque Municipal, poderase gozar do espectáculo de rúa Bon Appetit de Teatro Ghazafelhos no que Antua de la Sardiní, Philip de Toucignom e Fransuá de la Berenxem son tres Chefs nos van amosar os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de receitas de Alvaro Cunqueiro, A Cociña Galega.

Ás 13:00 horas procederase á apertura da zona Mico gastronómica instalada no patio do Colexio Santa María e xa ás 13.30 horas actuará o grupo DeVacas no mesmo lugar. A xornada rematará ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi co monólogo Tou Aquí de Touriñán.

MOVA

Por outra banda, durante toda a fin de semana as persoas asistentes á XXXII Feira de Fungos e Cogomelos poderán visitar e facer pequenas compras no Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA) situado na Avenida da Coruña e que estará aberto o sábado e domingo en horario de mañá, desde ás 10:00 ás 14:30 horas e, en horario vespertino desde ás 16:30 horas ás 20:30 horas. Repartiranse 600 euros en premios, a través de tarxetas rasca, entre as persoas que realicen compras nos distintos establecementos participantes.

programa cogumelos as pontes feira
0.1721179485321