As Pontes prepárase para a XXIX edición da Feria de Fungos e Cogumelos
O Concello das Pontes acollerá, durante os días 27 e 28 de outubro, a vinte e nove edición da Feira de Fungos e Cogumelos na que a gastronomía, a música e os espectáculos na rúa serán, xunto co concurso de cestas, os principais protagonistas.
O programa, ideado pola Concellería de Cultura, inclúe un amplo abano de actividades co que o municipio das Pontes se converterá no epicentro da gastronomía galega de outono e co que o goberno local pretende fomentar o interese polo mundo da micoloxía, entre veciños e visitantes.
Entre as actividades previstas, o sábado, ó mediodía, na Praza de América, haberá unha sesión vermú a cargo dos grupos Por Mi Swing e DixieKings e unha exhibición e clases de baile dos anos vinte e trinta da man de Swing Jazz Lugo, Compostela Swing e Swing On Vigo.
Tamén, durante a xornada de mañá, as rúas da vila serán o escenario do espectáculo Forzudos da compañía Circo Chosco no que o humor se mesturará con acrobacias, malabares e números de lume para achegar ós asistentes ó mundo do circo.
Pola tarde, na carpa gastronómica, situada na rúa Alexandre Bóveda, o cociñeiro Pepe Solla, cunha estrella Michelín e tres soles Repsol, membro fundador do grupo Nove, porase ó fronte dun showcooking no que os fungos e os cogumelos serán os principais ingredientes en diferentes propostas culinarias e, Xaime Rodríguez Trigas, campión galego e subcampión de España de Coctelería realizará unha pequena exhibición de preparación de bebidas.
A xornada do sábado rematará na Praza de América cos concertos da compositora e pianista Ele, o grupo de rock, nado nos anos 80, Seguridad Social e a formación feminina The Dawlins que fará gozar ós asistentes cun repertorio baseado na música country, blues, dixie e folk, entre outros xéneros.
O domingo, ó xa tradicional concurso de setas e xantar popular, hai que engadir o pasarrúas cun espectáculo final a cargo da compañía Pablo Méndez Performaces e o espectáculo Saaabor, de Culturactiva, unha proposta deseñada para todos os públicos na que se conxuga a música, a maxia e a participación do público, co mundo da gastronomía como pano de fondo.
A mediodía, na Praza de América, haberá unha nova sesión vermú, nesta ocasión a cargo da formación Garufa Blue Devils Big Band que, coa axuda de Sito Sedes, o que fora cantante dos Satélites, fará un percorrido pola música das décadas dos anos 20, 30 e 40.
A cita micolóxica rematará, no Auditorio Municipal Cine Alovi co espectáculo Somos criminais interpretado por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, para o que o departamento de Cultura xa colgou o cartel de “aforo completo” hai unhas semanas.
Ademais, durante todo o fin de semana, haberá instalada unha carpa con produtos de outono e alimentación e unha zona de food trucks nas que se enxalzarán os produtos locais, de tempada e a gastronomía de outono. Tamén haberá unha zona destinada á artesanía, na que artesáns chegados de diferentes puntos de Galicia, amosarán as súas pezas.