As Pontes prepárase para celebrar a quinta edición da Noite Meiga

TerraChaXa
O Concello das Pontes ultima os detalles para a celebración da quinta edición da Noite Meiga, o 23 de xuño, a partir das 20:00 horas,
Noite Meiga as pontes
22 Xuño 2023

As Pontes xa está lista para a celebración da quinta edición da Noite Meiga, unha cita que ten como obxectivo dar a coñecer e recuperar as tradicións que acompañan a esta data tan arraigada na cultura popular galega.

Esta quinta edición celebrarase o venres, 23 de xuño, a partir das 20:00 horas, no Canal IV e inclúe propostas de lecer pensadas para todos os públicos.

Entre as actividades programadas destacan as propostas para o público máis novo, con actividades de animación infantil, nas que se mesturan disciplinas como a maxia, a globoflexia, o teatro e os xogos.

A partir das 22:00 horas, a veciñanza e as persoas visitantes poderán gozar do espectáculo de rúa itinerante, con animación musical e participativo, “A Noite Máxica das Meigas” no que o público será partícipe das lendas e tradicións propias da noite de San Xoán.

A celebración continuará co ritual de acendido da fogueira de San Xoán e, a partir das 00:15 horas, dará comezo a actuación do Grupo Claxxon.

Por outra banda, como en anos anteriores, a partir das 20:30 horas dará comezo unha sardiñada popular, a un prezo de 10 euros por persoa, cun menú que inclúe sardiñas, chourizo, touciño, pan e bebida.

O concelleiro de Cultura, Vicente Roca, anima a toda a veciñanza a gozar da V edición da Noite Meiga, “unha proposta cultural que en poucas edicións se converteu nun punto de encontro da veciñanza que desexaba gozar dunha tradición moi arraigada na nosa vila”.

cartel noite meiga as pontes
0.18411707878113