As Pontes prepárase para celebrar a VII edición da ruta moteira

TerraChaXa
O programa arrancará ás 10:00 h coa apertura de inscricións na Fraga e, ás 11:00 h, dará comezo a ruta propiamente, que percorrerá paraxes emblemáticas da zona
Presentacion Quedada Moteira
31 Jul 2025

O club moteiro Tribu Mohican presentou hoxe, na Casa do Concello, a sétima edición da súa xa consolidada ruta moteira, que se celebrará este sábado coa área recreativa da Fraga como punto neurálxico das actividades.

O acto contou coa participación da concelleira de Turismo, Hostalería e Comercio, Elena López, quen destacou o esforzo do club por organizar iniciativas que, ademais de dinamizar o municipio, contribúen a promocionar os espectaculares recunchos naturais das Pontes e da contorna.

López subliñou tamén o impacto positivo que eventos como este teñen no sector hostaleiro local, especialmente importante durante a tempada estival. Ademais, fixo fincapé na gran afección que existe na vila polo mundo do motor. “As Pontes conta cunha cifra moi elevada de licenzas federativas relacionadas co motociclismo e automobilismo, incluso por riba doutros deportes máis populares como o fútbol”, apuntou.

A concelleira animou á veciñanza a achegarse ata a área recreativa Xosé Ferro para gozar dunha xornada diferente, na que se poderá ver unha ampla variedade de motos e vehículos, que permanecerán expostos durante a tarde.

Pola súa banda, o presidente do club, Jesús Martínez, avanzou que se agarda superar o centenar de participantes, procedentes de diferentes puntos de Galicia, mantendo así o nivel de convocatoria doutras edicións.

O programa arrancará ás 10:00 h coa apertura de inscricións na Fraga. Ás 11:00 h dará comezo a ruta moteira, que percorrerá paraxes emblemáticas das Pontes como o lago, Saa ou Espiñaredo, e estenderase tamén a municipios veciños como Xermade e Cabreiros.

Ás 14:00 h está previsto un xantar de confraternidade na tradicional caseta do polbo da Fraga. Pola tarde, o público poderá desfrutar de sorteos e dunha actuación musical que porá o broche final a unha xornada pensada para os amantes do motor e da boa compañía

⚙ Configurar cookies
0.17733120918274