As Pontes prepárase para celebrar este domingo a Feira do Mel e do Queixo

TerraChaXa
Durante a mañá, entre as 11:00 e as 13:00 horas, desenvolveranse obradoiros infantís orientados a achegar os máis pequenos e pequenas ao coñecemento do sector primario
feira-do-queixo-e-do-mel-das-pontes
11 Oct 2025

A parroquia de Goente, no concello das Pontes, celebrará este domingo 12 de outubro unha nova edición da Feira do Mel e do Queixo, unha cita que chega á súa décimo quinta edición e que se consolida como un evento de referencia na promoción dos produtos locais e da artesanía galega.

Ao longo de toda a xornada, a feira reunirá postos de venda de mel e queixo, así como unha ampla representación de artesanía alimentaria e de Artesanía de Galicia, ofrecendo ao público obradoiros e degustacións que permitirán coñecer de preto os procesos de elaboración e a calidade dos produtos.

Organizada Concello das Pontes, coa colaboración de Casa do Mel e Queserías del Eume, a feira dará comezo ás 10:00 horas coa apertura ao público do recinto. Durante a mañá, entre as 11:00 e as 13:00 horas, desenvolveranse obradoiros infantís orientados a achegar os máis pequenos e pequenas ao coñecemento do sector primario. A partir das 12:30 horas terá lugar unha degustación gratuíta de tapas elaboradas con produtos locais, aberta a todas as persoas asistentes.

Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, continuarán os obradoiros infantís, e ás 18:00 horas a compañía O Cubo porá o broche final cunha actuación teatral pensada para todos os públicos.

Ao longo do día, as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man o labor dos produtores e produtoras locais, degustar os seus produtos e participar en actividades orientadas a todos os públicos, nun ambiente lúdico, familiar e festivo que cada ano reúne a centos de visitantes.

Desde o Concello das Pontes faise un chamamento á veciñanza e a todas as persoas interesadas a achegarse a Goente este 12 de outubro e desfrutar dunha xornada dedicada á tradición, ao sabor e á cultura galega, nun encontro que pon en valor o territorio e os seus produtos.

Consulta o programa completo neste enlace

feira-do-mel-e-do-queixo-as-pontes
⚙ Configurar cookies
0.070657968521118