As Pontes prepárase para o inicio do curso escolar
O Concello das Pontes coordina cos centros educativos do municipio as medidas do protocolo covid-19, fixadas polas autoridades sanitarias para evitar contaxios entres os membros da comunidade educativa, para o inicio do curso escolar.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, subliña o compromiso do goberno local coas familias pontesas e cos equipos directivos dos centros educativos do municipio para reducir ao mínimo as posibilidades de contaxio da covid-19 na contorna educativa.
“A educación é un piar fundamental da nosa sociedade, desde que coñecemos o protocolo do goberno autonómico, estamos traballando de forma coordinada para preservar o inicio do curso e contribuír, na medida das nosas competencias e medios, a conseguir contornas escolares seguras no noso municipio, colaborando estreitamente co persoal directivo dos centros educativos aos que lles agradecemos o seu traballo e esforzo para a posta en marcha das medidas sanitario”, remarca González Formoso.
Desde a Concellería de Educación, dirixida por Tania Pardo, mantivéronse diversos contactos, ao longo de todo o verán, cos equipos directivos dos centros educativos para coordinar o plan de actuacións, dentro do ámbito das competencias municipais, de cara ao inicio do próximo curso escolar.
Así, o Concello das Pontes reforzará o servizo de limpeza en todos os colexios coa ampliación da plantilla do departamento de Servizos para garantir, desta forma, que os centros educativos podan levar a cabo, como mínimo, as tres limpezas de baños, aulas e espazos comúns que esixe o protocolo sanitario elaborado polo goberno autonómico.
Por outra banda, durante o período lectivo, o Concello procederá á desinfección das zonas comúns dos centros educativos (patios, accesos, zonas de lecer...) varias veces ao día, antes do inicio das clases e dos recreos.
Ademais, o Concello das Pontes instalará túneles de control de temperatura, fabricados pola empresa local Arteixo Telecom, mediante escaners térmicos dixitais sen contactos, antes do acceso ao centro.
Asemade, o Concello tamén adquiriu dispensadores de solución desinfectante de mans que se ubicarán no exterior de cada centro educativo e alfombras descontaminantes para os accesos e procederá á sinalización das entradas dos colexios para asegurar o distanciamento físico e lembrar as normas sanitarias para evitar contaxios, medidas que se verán reforzadas coa presenza de membros de Protección Civil e Policía Local para evitar aglomeracións nas entradas dos centros a primeira e última hora da mañá.
Ao respecto, Tania Pardo indica a que “desde o Concello imos realizar un esforzo, con todos os medios e recursos ao noso alcance, para responder ás peticións que nos fixeron os equipos directivos dos centros educativos das Pontes para adecuarse á nova normalidade e implatar os protocolos sanitarios.”
Ademais a edil lamentou que a Xunta de Galicia, con competencias plenas, “faga recaer a responsabilidades sobre os centros, Anpas e concellos sen dotalos dun marco estable, seguro e cos recursos humanos e materiais necesarios que permitan afrontar o desenvolvemento do curso 2020-2021 coas máximas garantías posibles.
A concelleira tamén reclama ao goberno autonómico que “dote aos centros do profesorado e persoal suficiente para garantir unha actividade educativa correcta en calquera dos escenarios posibles que se poidan dar ao longo do próximo curso”.
Os vindeiros días, a responsable da área de educación do Concello das Pontes manterá diversos encontros cos representantes das Anpas locais e convocarase un Consello Escolar Municipal Extraordinario para informar ás familias e axentes socias das medidas consensuadas cos centros escolares, con motivo do inicio de curso escolar 2020/2021.