As Pontes prepárase para rematar as obras da cuarta fase de renovación da Avenida de Galicia

TerraChaXa
Esta intervención conta cun orzamento de 277.173 euros financiado integramente pola Deputación da Coruña a través do POS
obras-avenida-galicia-as-pontes
3 Dec 2025

As obras da cuarta fase do proxecto de renovación de pavimentos e servizos na Avenida de Galicia avanzan a bo ritmo e encaran xa a súa fase final, consolidando o proceso de rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade iniciado polo Concello nas fases anteriores, incluída a renovación da Praza do Hospital.

Esta intervención conta cun orzamento de 277.173 euros financiado integramente pola Deputación da Coruña a través do POS (Plan de Obras e Servizos) e completa a transformación integral da principal vía de comunicación do municipio.

Os traballos que se están a executar permitirán a eliminación dos desniveis entre a calzada e as beirarrúas, mellorarán a iluminación e avanzan na separación da rede de drenaxe respecto da rede de saneamento.

Entre as actuacións levadas a cabo destacan o retranqueo dos farois e das sinais de tráfico, a substitución das varandas existentes por outras de aceiro inoxidable e o fresado e demolición do firme para permitir a extensión do novo pavimento.

A beirarrúa peonil executouse con baldosa prefabricada, seguindo a liña estética da contorna, e incorporouse unha fila de lastro prefabricado de formigón en cor negra entre a baldosa e o aglomerado. Ademais, nos accesos aos pasos de peóns e á rampla colocouse baldosa de botóns que facilita a circulación e a seguridade das persoas con discapacidade visual.

No eido da drenaxe, creouse unha nova canalización para recoller as augas pluviais e separalas das fecais, mediante dous tramos de colectores de pluviais e sumidoiros conectados por pozos de rexistro.

A mellora da iluminación pública incluíu a execución de arquetas, a instalación da nova canalización eléctrica, o tendido do cableado e a recolocación ao tresbolillo dos farois existentes asi mesmo, nos pasos de peóns instalaranse tamén tres captafaros LED por cada sentido de circulación e sinais luminosas.

Na zona de rodadura e dos aparcamentos aplicarase formigón bituminoso cun acabado impreso con debuxo de lastro e unha capa protectora de resinas.

A intervención rematará coa instalación de papeleiras, xardineiras, bancos, alcorques para as árbores existentes e coa reposición da sinalización vertical e horizontal.

⚙ Configurar cookies
0.074984073638916