As Pontes presenta a programación do Día contra a violencia de xénero
O Concello das Pontes presentou a programación deseñada polo departamento de Igualdade para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra o vindeiro 25 de novembro.
Tania Pardo, responsable da área de igualdade apunta que “a pandemia agravou a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, desde as Administracións non debemos cesar no noso empeño de traballar en pro da igualdade e da eliminación da violencia contra as mulleres e necesitamos da implicación de toda a sociedade para visibilizar, previr e loitar cun dos maiores problemas aos que se enfrontan as mulleres, polo simple feito de selo, e a sociedade no seu conxunto”
O Concello deseñouse unha programación, composta por sete actividades que parten da educación e a sensibilización da poboación infantil e moza como elemento principal para eliminar a violencia de xénero. Tania Pardo, subliñou que “é labor de toda a sociedade educar ás vindeiras xeracións na igualdade, no respecto, na toleración e este é o marco en torno ao que elaboramos a programación do 25N para o ano 2021.
As actividade arrincarán o día 13 de novembro, ás 19:00 horas, no Cine Alovi cun concerto solidario a cargo do alumando de grao elemental do Conservatorio Municipal das Pontes, acompañado das seccións de corda e metal, co obxectivo de reivindicar o papel da muller a través da música e visibilizar a loita contra a violencia de xénero.
O día 24 de novembro, na Casa Dopeso, a partir das 09:00 horas estarán expostos os traballos do alumando dos Centros de Educación Secundaria participantes no concuso de cartaces 25N posto en marcha polo Concello co obxectivo de obter a imaxe ganadora do cartaz conmemorativo do día contra a violencia de xénero do ano 2021 e contribuir a que a poboación moza da vila faga unha reflexión sobre esta lacra social.
Ese mesmo día, ás 19:30 horas, na Casa Dopeso, o Concello organiza o faladoiro “Violencia de xénero e sociedade” no que se amosarán os efectos da violencia de xénero nas familias, especialmente na poboación infantil, buscando sensibilizar á cidadanía na necesidade de implicarse na eliminación da violencia, a partir do coñecemento dos efectos sociais da violencia contra as mulleres.
Xa o día 25 de novembro, ás 12:00 horas, diante do Concello, realizarase a lectura dun manifesto no que participarán persoas pertencentes a diferentes entidades sociais da vila así como persoas integrantes da corporación municipal.
Por outra banda, durante os meses de novembro e decembro, o Concello, en colaboración cos centros educativos do municipio, deseñou varias actividades dirixidas exclusivamente á poboación infantil e xuvenil entre as que destacan o espectáculo musical “ Soñando Inventei”, promovido pola Deputación da Coruña, dirixido ao alumando dos CEIPs no que, a través da elección de cancións, trabállase o tema da diversidade e a iguladade de xénero, falando de personaxes femininos libres, que no queren ser xulgados polo seu aspecto ou identidade.
Para o alumnado dos IES haberá un encontro debate, promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade, no que baixo o título “Hai saída grazas a ti” reflexionarase sobre diferentes comportamentos relacionados coa violencia machista, o modo no que comeza e o xeito no que pode ir ascendendo.
Tamén para o alumando dos IES haberá unha charla participativa sobre ciberdelitos de carácter sexual no que se abordarán temas como o ciberbulyling, o sexting ou o grooming, a sextorsion ou o stalking e como a violencia nas redes socias se converte en violencia contra a muller.
Finalmente, a concelleira de Igualdade quixo lembrar que “esta ampla programación completa as múltiples actividades que o Concello das Pontes pon en marcha, ao longo de todo o ano, non só desde o departamento de Benestar Social senón a través doutras áreas como a de Educación, Mocidade ou Cultura, en materia de igualdade nas que a sensibilización contra a violencia de xénero e o desenvolvemento dunha sociedade máis igualitaria teñen un papel protagonista”.