As Pontes presenta a súa Semana da Mobilidade

TerraChaXa
O salón de plenos do Concello das Pontes acolleu a presentación da primeira exposición e proba con vehículos de enerxías alternativas.
presentacion semana mobilidade das pontes
15 sep 2022

O salón de plenos do Concello das Pontes acolleu a presentación da primeira exposición e proba con vehículos de enerxías alternativas que organiza a FAEPAC, en colaboración co Concello pontés e a Deputación da Coruña.

Durante tres días, o núcleo urbano das Pontes acollerá esta exhibición de máis de 50 vehículos de todo tipo de enerxías alternativas incluíndo bicicletas, motos, patinetes e maquinaria, así como complementos para a recarga dos mesmos.

A mostra situarase en varios puntos do centro do municipio: a avenida de Ferrol, avenida de Coruña, rúa Ramón Cabanillas, a praza do Carmen, así como diante da Casa do Concello e do mercado municipal.

O tenente de alcalde, Antonio Alonso, destacou na presentación que “As Pontes, como sede central de FAEPAC e da oficina de transición xusta que asesora a 19 concellos, é un municipio de gran tradición enerxética no cal coexisten todo tipo de enerxías renovables que o converte nun lugar idóneo para a celebración deste evento”.

Pola súa banda, o director da FAEPAC, Jesús Castro, fixo fincapé durante a presentación en que “o obxectivo deste evento é tratar de poñer en valor e fomentar as políticas de aforro e eficiencia enerxética, así como a promoción das enerxías renovables no ámbito local”.

Participarán 20 concesionarios e haberá 6 vehículos a proba

Na exposición as persoas visitantes poderán probar e analizar vehículos de diversos combustibles alternativos, tales como a electricidade (100% eléctricos ou híbridos), gas natural, GLP, biocarburantes, hidróxeno ou combustible P.Series.

Ademais, ofrecerase a posibilidade de coñecer outros métodos de desprazamento que favorecen os beneficios ambientais e económicos como son o Smart Mobily, unha forma de mobilidade intelixente e eficiente.

O evento terá lugar do 16 ao 18 de setembro en varios puntos do centro do municipio: a avenida de Ferrol, avenida de Coruña, rúa Ramón Cabanillas, a praza do Carmen, así como diante da Casa do Concello e do mercado municipal, que albergarán os 6 vehículos que estarán ao dispor das persoas que queiran probalos. Co seguinte horario: 16 de setembro de 16.00 a 20:00 e 17 e 18 de setembro de 10:00 a 20:00.

0.13808989524841