As Pontes presenta aos seus veciños o Plan de Transporte Público Municipal
O servizo contará con 3 liñas regulares e será gratuíto durante o primeiro ano. Dará cobertura a todas as parroquias do municipio a través dun servizo a demanda.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, reuniuse onte con representantes das asociacións veciñais da vila para presentarlles o plan de transporte público municipal, que conectará todo o municipio a través de tres liñas regulares e un servizo baixo demanda, e coñecer as súas demandas e suxestións á fin de incorporalas no plan e establecer un servizo que cubra as necesidades da veciñanza.
Durante este encontro, no que tamén participou o representante dunha empresa local de transporte público, encargada do deseño do servizo, o rexedor local sinalou que “imos ser o único municipio da comarca, exceptuando Ferrol, que disporá de transporte urbano. Un servizo que responde a unha demanda da veciñanza que reclamaba un servizo que comunicase diferentes puntos, tanto do núcleo urbano como dos núcleos rurais, cos servizos administrativos, sanitarios, educativos e culturais das Pontes.”
González Formoso apuntou, así mesmo, que este servizo contribuirá ao cumprimento dos obxectivos de mobilidade e sustentabilidade marcados polo Plan de Mobilidade do Concello das Pontes que busca potenciar o transporte sostible e potenciar os desprazamentos efectivos en todo o termo municipal que redundan nunha mellor calidade de vida de toda a poboación das Pontes, promovendo a súa inclusión social.
O servizo será gratis durante o primeiro ano da súa posta en marcha, para toda a veciñanza empadroada no municipio, e cada persoa usuaria disporá dunha tarxeta de transporte a través da que se monitorizará o uso do novo servizo para detectar aspectos de mellora, axeitar as rutas, horarios e paradas á demanda real e avaliar a súa continuidade, pasando a cobrarse unha cantidade simbólica, a partir do segundo ano.
O representante da empresa local de transporte público expúxolles aos representantes veciñais o borrador do plan no que se traballa e no que se prevén tres liñas, unha liña circular que unirá o Chamoselo co Lago, con 8 servizos diarios e un total de 26 paradas. Outra liña circular que unirá A Cuíña co Lago e contará con 19 paradas e realizará 8 servizos ao día.
A terceira liña regular que inclúe o servizo de transporte público municipal operará os días lectivos e unirá o municipio cos centros educativos, tanto nos horarios de entrada como de saída aos mesmos, a través de 10 paradas, conectando tamén o centro de saúde.
Estes servizos completaranse cunha liña a demanda para as parroquias que deberá ser solicitado con 48 horas de antelación e que dará cobertura a todos aqueles servizos, tanto en horario de mañá como de tarde, que na actualidade non están cubertas polo plan de transporte público da Xunta de Galicia.
Así mesmo, este novo servizo municipal ofrecerá servizos especiais para datas sinaladas no calendario de actividades culturais, deportivas e sociais das Pontes como poden ser o Día de Defuntos, a Feira do Queixo e a Mel de Goente, a festa de San Vicente de Pontoibo ou as feiras gastronómicas, entre outras. Tamén está previsto que este novo servizo inclúa desprazamentos, durante días non lectivos, a lugares de interese cultural e patrimonial dirixidos a diferentes colectivos e entidades do municipio.