As Pontes presenta en Fitur a comarca do Eume como destino turístico sostible
A concelleira de Turismo, Elena López, participou onte, en Fitur, na presentación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Fragas do Eume. Un proxecto que emprega a singularidade medioambiental das Fragas do Eume como motor dunha estratexia turística para os cinco concellos da comarca -As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela.
Trátase dun proxecto que bota a andar andar co reto de poñer en marcha iniciativas que equilibren os fluxos turísticos coa necesaria protección dun entorno tan sensible como é a propia Fraga e inclúe intervencións concretas enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio, incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico, diversificar a oferta no ámbito turístico e garantir a preservación do capital natural.
Entre estas intervencións concretas poden citarse a creación de aparcadoiros disuasorios, a posta en marcha de servizos de alugueiros de bicicletas, a creación de app's de autoguía, dunha rede de miradoiros, de cabanas no bosque ou de rutas de avistamento de aves e de coñecemento da fauna e da flora da contorna.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, durante a presentación do destino turístico, insistiu en que o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Fragas do Eume é unha oportunidade para "utilizar a Fraga como motor económico que deixe retorno nos cinco concellos e planificar con intelixencia e responsabilidade os fluxos para que non se resinta a contorna".
O reto dun equilibrio entre turismo e preservación de recursos, así como a promoción orientada a un tipo de turista consciente, responsable e que valore a identidade dos lugares que visita, foron as ideas nas que tamén incidiron os representantes dos concellos participantes no acto institucional.
Elena López, concelleira de Turismo das Pontes, así mesmo incidiu no "esforzo compartido por crear un destino singular, integrado e responsable; un turismo de experiencias que non ten outro segredo que o de sentir o latexo do Eume, un latexo que vai ao compás dunha nova realidade para impulsar un territorio único cheo de oportunidades".
“O latexo do Eume foi o fío condutor do vídeo promocional que se proxectou na presentación e que recolle os principais atractores turísticos dos cinco concellos.