As Pontes presenta o programa da Feira de Fungos e Cogomelos
A Feira de Fungos e Cogomelos, organizada polo Concello das Pontes, celebrará, a próxima fin de semana, a súa edición número trinta e un cun completo programa de actividades, no que destacan as propostas micolóxicas e gastronómicas a través de obradoiros e talleres dirixidos.
Elena López, responsable da área de Turismo apunta que “ este ano, tras o parón obrigado do ano 2020, apostamos por darlle valor aos produtos do noso monte e a súa potencialidade a través de actividades dirixidas e charlas didácticas, que permiten afondar no coñecemento dos fungos e dos cogomelos, na súa importancia socioeconómica, comercial, cultural e gastronómica e no seu papel como actores protagonistas na conservación da biodiversidade da nosa contorna”.
A celebración comezará o sábado, 30 de outubro, cunha saída micolóxica ao monte, dirixida polo micólogo José Luís Cuba e o cociñeiro Antonio Díaz co obxectivo de amosar ás persoas participantes distintos hábitats e os fungos que viven neles, recollendo exemplares que, a partir das 17:00 horas desde mesmo día, estarán expostos na Praza de América.
Tamén o sábado, ás 17:30 horas, ao abeiro das xornadas micolóxicas “Terra de Cogomelos”, na Praza de América, celebrarase un faladoiro sobre os retos e oportunidades dos fungos e cogomelos en Galicia a cargo de José Castro da Sociedade Micolóxica Lucus, Chemi Traba da Federación Galega de Micoloxía e Ovidio Queiruga da Comunidades de Montes de Baroña.
A xornada do domingo comezará ás 12:00 horas, na Praza da América, cunha mostra de xantares a cargo do cociñeiro Antonio Díaz que amosará elaboracións culinarias novidosas onde os fungos e os cogomelos terán un papel protagonista. Xa pola tarde, no mesmo lugar, a partir das 16:00 horas e ata as 20:00 horas levaranse a cabo os obradoiros “Do horta á cociña” e “Intervención de xardinería” dirixido ao público infantil e xuvenil, que achegará ás persoas participantes ao mundo das plantas culinarias e ornamentais.
As actividades programadas para o luns comezarán ás 09:00 horas coa presentación das cestas participantes no concurso micolóxico, que estarán expostas no patio do Colexio Santa María durante toda a mañá. O fallo do xurado coñecerase sobre as 11:30 horas e repartiranse 1.400 euros en premios.
Desde as 12:00 horas, os máis pequenos serán os protagonistas da Feira de Fungos e Cogomelos grazas ao obradoiro “Menuda cociña” no que aprenderán, de primeira man, a realizar diferentes receitas con fungos e cogomelos.
Para participar en todas as actividades é preciso inscribirse previamente chamando ao número de teléfono 673 240 434
Actividades culturais e MOVA
Por outra banda, durante todo o fin de semana, haberás diferentes actividades culturais. O sábado, 30 de outubro, no patio do Colexio Santa María haberá unha sesión vermú, de 12:30 a 14:40 horas a cargo da Orquesta Fania Blanco e pola noite, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal actuará a formación musical feminina De Vacas.
O domingo, a sesión vermú será tamén no patio do Colexio Santa María, a partir das 13:00 horas e correrá a cargo do grupo Habana Soul e, a partir das 20:00 horas, nese mesmo escenario, será a queda para a Orquesta Marbella.
Ademais, os asistentes poderán visitar e facer pequenas compras no Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA) situado na Avenida da Coruña e que estará aberto o sábado e domingo en horario de mañá, desde as 10:00 ás 15:00 horas e, en horario vespertino desde ás 16:30 horas ás 20:30 horas e o luns, desde as 10:00 ás 14.30 horas e no que se repartirán 600 euros en premios, a través de tarxetas rasca, entre as persoas que realicen compras nos distintos establecementos participantes.