As Pontes presenta o programa de actividades polo 25N

TerraChaXa
As Pontes deseñou unha programación, composta por unha decena de actividades para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Tania Pardo 25 NOVEMBRO programa
9 Nov 2022

O Concello das Pontes deseñou unha programación, composta por unha decena de actividades para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, data que se celebra o próximo 25 de novembro.

Baixo o lema Cansas de oílo? Nós de vivilo, a programación, en palabras da concelleira responsable da área de Igualdade, Tania Pardo, ten como obxectivo esencial “informar, formar, educar, sensibilizar sobre a violencia de xénero a toda a poboación das Pontes, especialmente a máis nova, e axuntar esforzos para visibilizar, previr e loitar cunha das maiores manifestacións da desigualdade á que se enfrontan as mulleres, polo simple feito de selo, e a sociedade no seu conxunto”.

Así mesmo, Tania Pardo subliñou que a imaxe gráfica da programación foi elaborada pola deseñadora gráfica local, Ana Belén Fernández Martel, e a través dela quérese amosar que “a violencia de xénero non entende de idades, nin de clases sociais, nin de formación, afecta ás nenas, ás rapazas adolescentes e tamén ás mulleres maduras, ás nosas veciñas e non podemos darlles ás costas e mirar para outro lado, nin dicir que cansamos de escoitar falar sobre violencia contra as mulleres ni adormecer ante as informacións que falan de mortes. É unha realidade presente no día a día da nosa sociedade e debemos tomar consciencia para poder combatela”

As actividades comezaron a semana pasada cuns obradoiros para a prevención da violencia de xénero nos centros educativos de Educación Secundaria da vila, que se levarán a cabo ata o mes de decembro, para xerar conciencia sobre as diferentes formas que toma a violencia cara as mulleres, facendo especial fincapé na violencia sexual e na violencia a través das TICs, promovendo unha reflexión sobre as súas causas e efectos co fin de previr a mesma.

Outra das actividades programadas para os centros educativos de Educación Secundaria é o segundo concurso de carteles que, ao igual que o ano pasado, busca, a través da arte, sensibilizar á cidadanía na loita contra a violencia de xénero, instándoa a que non miren cara outro lado, desenvolvendo actitudes comprometidas na loita contra a violencia machista. A obra gañadora será a imaxe oficial do Día Internacional contra a violencia de xénero e dos actos organizados polo Concello das Pontes con motivo do 25N.

Así mesmo, desde o 4 de novembro está instalada no IES Moncho Valcarce a exposición “Cartas de Amor”. Unha mostra de cómic galego sobre violencia de xénero con debuxos de artistas de fama como  Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares.

Trátase dunha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade mediante na que se establece un paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas, tendo en conta que, nos últimos anos, detéctanse moitos casos de relacións de parellas entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e mesmo física.  A través desta actividade quérese sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nas súas formas de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, a eliminala.

Dirixido ao alumnado de Educación Primaria dos centros educativos do municipio, o departamento de Igualdade, programou dous contacontos educativos. O primeiro, "Aprendendo a querer", da compañía teatral Trinketrinke,  para as alumnas e alumnos de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria, desenvolverase os días 14 e 15 de novembro, e nel abordaranse os vínculos afectivos e as relacións coas outras persoas. O segundo contacontos,  “Contos para cambiar o conto” levarase a cabo os días 28 e 30 de novembro e está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria.

Xa para toda a poboación, o día 25 de novembro, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá a representación da obra “Feminísimas” de Destexeito Produccións, unha creación colectiva coa amistade como fondo e o feminismo como forma. Un Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas da adolescencia que teñen tres maneiras moi distintas de entender o “feminismo”: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.

O día 30 de novembro, celebrarase unha xuntanza da Rede Pola Igualdade do Concello das Pontes, aberta a toda a poboación e na que participará a Unidade de Coordinación contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, persoas representantes do Equipo Viogen e da Fundación Meniños para charlar sobre recursos e programas especializados en violencias sexuais

No ámbito institucional, o día 23 de novembro, haberá unha xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e o día 25 de novembro farase lectura dun manifesto en contra da violencia de xénero, ás 12:00 horas, no salón de plenos municipal.

A concelleira de Igualdade quixo lembrar que “esta ampla programación completa as múltiples actividades que o Concello das Pontes pon en marcha, ao longo de todo o ano, non só desde o departamento de Benestar Social senón a través doutras áreas como a de Educación, Xuventude ou Cultura, en materia de igualdade nas que a sensibilización contra a violencia de xénero e o desenvolvemento dunha sociedade máis igualitaria teñen un papel protagonista”.

0.18892788887024