As Pontes presenta o seu programa micolóxico Terra de Cogomelos

TerraChaXa
Trala apertura da inscrición no concurso de fotografía, as primeiras actividades chegarán o día 3 de outubro
As-Pontes-Terra-de-Cogumelos
16 Sep 2025

A concelleira de Turismo, Hostalería e Comercio, Elena López, acompañada polo presidente da Asociación Micolóxica Poupariña, Miño Guerreiro, e o responsable da empresa Deloga, Ismael Blanco, presentou esta mañá, na Casa do Concello, a programación da quinta edición de “As Pontes, Terra de Cogomelos”, un ciclo de actividades centradas na micoloxía que, un ano máis, encherá o outono de vida, sabor e coñecemento.

Este consolidado programa naceu co obxectivo de achegar á veciñanza a cultura micolóxica, fomentar o coñecemento dos cogomelos e os seus aproveitamentos, e promover un recurso natural cun gran potencial gastronómico, turístico e económico para a comarca.

Segundo destacou Elena López, trátase dun programa “dirixido a todos os públicos, con propostas para todas as idades, que contribúe a dinamizar o municipio e, moi especialmente, a apoiar á hostalería local”, xa que moitos establecementos ofrecerán petiscos e pratos especiais con cogomelos como protagonistas. A edil quixo poñer en valor que “esta iniciativa xa se converteu nun dos piares económicos e turísticos das Pontes durante o outono”.

Un programa diverso e participativo

A programación de “As Pontes, Terra de Cogomelos 2025” inclúe máis dunha ducia de actividades totalmente gratuítas, que arrancan hoxe mesmo coa apertura do prazo para participar no I Concurso de Fotografía Micolóxica.

Os faladoiros formativos, con presenza de recoñecidos expertos, celebraranse os días 3, 10 e 24 de outubro, e 7 de novembro, na Casa Dopeso. Entre os relatores destacan o fotógrafo Daniel Puente, o cociñeiro Antonio Díaz, o cultivador local Rafael Corral e os micólogos Marí Cabaleiro e Hugo Fernández, da Universidade de Vigo.

O programa tamén inclúe paseos micolóxicos para expertos, familias, escolares e afeccionados; unha ruta fotográfica micolóxica con Daniel Puente; e actividades pensadas especialmente para o sector hostaleiro, como as microxornadas de cociña e a xa clásica Ruta de Sabores pola Hostalería das Pontes, prevista para novembro.

Os días 1 e 2 de novembro celebrarase a XXXV Feira de Fungos e Cogomelos, que incluirá obradoiros para pequenos e adultos, ademais dos tradicionais certames de receitas con cogomelos, tanto para profesionais como para afeccionados.
Cultura micolóxica para todas as idades

Miño Guerreiro, presidente da Asociación Micolóxica Poupariña, puxo o acento na importancia da divulgación e da educación ambiental como piares deste proxecto. Subliñou que esta programación permite “transmitir a paixón pola micoloxía a persoas de todas as idades, mantendo vivo o espírito co que naceu esta feira”.

Desde a asociación, tamén se organizarán xuntanzas micolóxicas semanais, abertas ao público e pensadas para compartir coñecementos, identificar especies e fomentar a aprendizaxe continua.

Información e inscricións

Todas as actividades son de balde, pero algunhas contan con prazas limitadas, polo que se require inscrición previa a través do seguinte enlace:
https://deloga.typeform.com/cogomelos2025. Para máis información, tamén está dispoñible: 604 04 73 37 o no correo terradecogomelos@gmail.com

A concelleira Elena López convidou a veciños e visitantes a consultar o programa completo e participar nesta edición, que ofrece unha oportunidade única para gozar da natureza, da gastronomía e do coñecemento micolóxico: “Un espazo de aprendizaxe, encontro e dinamización local que segue medrando grazas ao apoio de toda a comunidade”.

⚙ Configurar cookies
0.094507932662964