As Pontes presenta o seu programa polo Día da Muller que se prolonga todo o mes
A concelleira de Igualdade, Tania Pardo, xunto coa concelleira de Medios Locais, Lorena Tenreiro, presentaron a campaña institucional Clichés, coidado con tragalos con motivo do Día Internacional da Muller que se conmemora o vindeiro mércores, 8 de marzo.
Tania Pardo, concelleira de Igualdade, apuntou que se trata dunha campaña de sensibilización coa que se pretende un cambio de criterio cara valores libres de estereotipos sexistas xogando coas palabras clichés e chicles. “Os chicles son produtos habituais nas nosas vidas, que mastigamos pero que non tragamos, o mesmo ten que acontecer cos clichés ou estereotipos sexistas. Aínda que están normalizados e forman parte da nosa vida cotiá non podemos tragalos como non tragamos os chicles. Os estereotipos sexistas forman parte do proceso de socialización e son a base da desigualdade entre homes e mulleres. É fundamental rachar con eles, ter coidado de non tragalos, para promover unha sociedade igualitaria no que as mulleres teñan o papel que lles corresponde”
A campaña está composta por vinilos, carteis, camisetas, botes de chicles personalizados cunha trintena de frases estereotipadas, que poñen o foco en mensaxes da vida cotiá e que baixo a etiqueta #eunontrago invitan á veciñanza á reflexión para contribuír a modificar e previr o uso deste tipo de estereotipos sexistas. O material da campaña estará presente nos edificios municipais así como nos establecementos comerciais e hostaleiros da vila a partir da vindeira semana.
Ademais, a partir do día 6 de marzo, a radio local emitirá Lendo mulleres feminista para achegar á veciñanza ao feminismo a través da lectura, da man das mulleres pontesas que participan na iniciativa Relendo a Vida, de textos de mulleres feministas tales como Rosalía de Castro, Aurora Marco ou Simón de Beauvoir, entre outras, para desbotar os estereotipos de xénero.
OUTRAS ACTIVIDADES DE SENSIBILIZACIÓN EN MATERIA DE IGUALDADE
Ademais da campaña institucional, o Concello das Pontes organiza outras actividades, tanto para o poboación xeral como para os centros educativos da localidade, dirixidas a concienciar e loitar pola igualdade de xénero.
Así, o 7 de marzo está prevista a representación do espectáculo didáctico musical “En clave de Muller”, dirixido ao alumnado de primeiro a cuarto de Educación Primaria dos centros educativos da vila, no que se trata de poñer en valor, a través dun formato divulgativo pero tamén divertido, participativo e dinámico, o papel que moitas mulleres desempeñaron en múltiples ámbitos, as veces sen ter o recoñecemento adecuado, outras veces conseguíndoo a base facer camiño, rompendo barreiras e estereotipos no mundo das artes e da música.
O día 8 de marzo está prevista, ás 12:00 horas, na Casa Consistorial a lectura dunha declaración institucional para sumarse ás reivindicacións do Día Internacional da Muller e reiterar o compromiso da administración local coa consolidación da igualdade entre mulleres e homes, plena e efectiva, esencial para o avance da sociedade e a mellora da democracia.
Para o sábado, 11 de marzo, o Concello das Pontes acollerá, a partir das 10:00 horas, na Casa Dopeso unha xornada técnica sobre comunicación e igualdade, na que participarán Ana Pardo de Vera, xornalista de Público, Montserrat Boix, delegada de Igualdade, Diversidade e Inclusión de RTVE, na Secretaría Xeral de RTVE, e Ana Peláez, alta Comisionada para a Solidariedade e a Cooperación Internacional do Grupo Social ONCE e Vicepresidenta da Fundación ONCE para América Latina (FOAL), así como Enma Cid, directora de Comunicación do Concello de Coruña e Marta Mancebo, redactora do xornal El Progreso.
Trátase dun espazo de reflexión e debate organizado polo Concello das Pontes que quere dar a coñecer a importancia do audiovisual e a comunicación nos procesos de socialización e de transmisión de valores, esenciais para rachar cos estereotipos.
Lorena Tenreiro, concelleira de Medios Locais apunta que “dada a cada vez máis notable relevancia dos medios de comunicación e dos contidos audiovisuais na configuración e interiorización das desigualdades, a violencia de xénero ou o sexismo, urxe incrementar o traballo entre administracións e profesionais, analizando os obstáculos pero tamén as boas prácticas informativas. Por elo, ponse en marcha unha xornada con alto perfil técnico pero ideada para que podan acudir, ademais de profesionais da comunicación, a publicidade e o audiovisual, persoal das administracións, entidades, empresas, asociacións, colexios profesionais, entidades sociais e particulares que teñan interese na materia.”
Xa o día 16 de marzo, a biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco acollera, desde ás 18:00 horas, a actividade lúdica Feminismos no tempo. Un xogo composto por 55 cartas a través das que as persoas participantes coñecerán a historia do feminismo.
Mentres que o día 18 de marzo, ás 12:30 horas, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá un concerto da Banda Cultural e Recreativa das Pontes no que, cuartetos de mulleres, interpretarán obras de diferentes compositoras.
A seguinte semana, do 20 ao 23 de marzo, o alumnado de quinto e sexto de primaria, participarán no escape room Estrelas, unha experiencia de escapismo onde as mulleres máis apaixonantes da historia serán as protagonistas.
Por outra banda, nos centros de Educación Secundaria levaranse a cabo diversos obradoiros dirixidos a integrar o concepto de igualdade e proporcionar ao alumnado as ferramentas necesarias para analizar con perspectiva de xénero a música, a publicidade e os estímulos audiovisuais da súa contorna.
A programación pecharase o día 23 de marzo cun novo encontro da Rede Pola Igualdade das Pontes, un espazo de reflexión e participación cidadá, e de formulación de ideas, composto por entidades asociativas e que vén a dar resposta á necesidade de fortalecer ao tecido asociativo en materia de igualdade.