As Pontes presenta os resultados sobre o estudo sobre cogumelos silvestres
Aproveitando a celebración da Feira do grelo deste ano, o Concello das Pontes fixo a presentación pública dos principais resultados do Estudo participativo para a identificación e análise das necesidades e potencialidades dos fungos e cogomelos silvestres no territorio de influencia do Concello das Pontes.
A concelleira Elena López, destacou que “o obxectivo é impulsar o coñecemento e a divulgación ao redor da micoloxía, en xeral, e a importancia medio ambiental, social, económica e cultural dos fungos e cogomelos, en particular. Máis profundamente, o presente estudo púxose en marcha coa finalidade de identificar e detectar as necesidades e potencialidades dos fungos e cogomelos no territorio. E obter unha radiografía da situación actual dos fungos e cogomelos sobre a que asentar as bases para promover a micofilia a nivel local e deseñar políticas públicas municipais nos eidos medio ambientais, educativos, culturais, gastronómicos e turísticos”.
Así mesmo, Elena López comentou que “trátase dun estudo innovador e pioneiro na súa área xa que non hai antecedentes previos na realización dunha diagnose deste tipo, nin a nivel municipal nin autonómico, cos diferentes axentes clave para a súa dinamización”, aos que quixo agradecer a súa axuda e boa disposición a colaborar co Concello.
Para esta investigación sociolóxica contouse coa participación de 50 axentes vencellados aos fungos e cogomelos, destacando a colaboración de todas as asociacións micolóxicas de Galicia así como a federación de micoloxía que as aglutina, e a histórica agrupación Poupariña, promotora das primeiras edicións da feira de “Fungos e Cogomelos”, que no ano 2021 celebrou 31 anos. No eido forestal colaboraron 9 comunidades de montes con coutos micolóxicos, entre eles o do Monte do Forgoselo, cociñeiros de recoñecido prestixio na micogastronomía, equipos académicos e científicos como o Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, así como outros axentes da transformación alimentaria, da recolección e do micoturismo.
O estudo apunta que os aproveitamentos do recurso micolóxico é un aspecto positivo, que implica beneficios culturais e socioeconómicos sobre o territorio, pero tamén comporta unha serie de aspectos negativos. Destaca especialmente aqueles vencellados coa colleita non regulada (furtivismo) e a economía somerxida (mercado negro), o que non reporta ningún beneficio fiscal, e deficiencias no control sanitario sobre os cogomelos con fins de alimentación humana.
A isto hai que sumarlle un amplo descoñecemento xeneralizado socialmente sobre a normativa vixente, tanto no xeito de apañar cogomelos como no comportamento social maioritario de acceso libre a montes que son propiedade privada, prexudicando os recursos de quen os coida e os produce. Apúntase a necesidade da posta en marcha de estratexias dirixidas ao mantemento do recurso micolóxico no tempo, a súa sustentabilidade, pois en certas zonas estase vendo sometido á sobreexplotación e un trato non axeitado para a súa conservación.
A totalidade dos axentes sinalan que a sociedade galega atópase nun momento de transición dende a micofobia cara a micofilia, evolución constante na interese dos cogomelos dende a década dos 70, década de creación das primeiras asociacións micolóxicas por parte da poboación galega. Mostra disto é a crecente demanda dos cogomelos comestibles, así como a crecente aparición da oferta turística no mundo rural, a cal conta cada vez con maior demanda.
Todas as persoas e entidades interesadas en solicitar o estudo completo, poden solicitalo no correo electrónico terradecogumelos@gmail.com.