As Pontes presenta un programa para o 8M con actividades todo o mes

TerraChaXa
Baixo o lema 'Camiños de igualdade, pasos de liberdade', a programación busca fomentar a reflexión crítica, visibilizar referentes femininos e promover valores
presentacion-campana-8m-as-pontes
20 Feb 2026

O Concello das Pontes, a través dos departamento de Igualdade e Cultura, conmemora o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, cun programa de actividades que combina teatro, propostas musicais, espectáculos didácticos e obradoiros formativos, dirixidos a público familiar, comunidade educativa e mulleres de todas as idades.

Baixo o lema Camiños de igualdade, pasos de liberdade, a programación busca fomentar a reflexión crítica, visibilizar referentes femininos e promover valores de igualdade, respecto e liberdade desde a infancia ata a idade adulta.

A concelleira de Igualdade, Tania Pardo, subliña que “esta programación está pensada para chegar a toda a veciñanza, desde a infancia ata a idade adulta, porque a igualdade constrúese colectivamente e require da implicación de toda a sociedade”.

A edil destaca ademais que “o 8M non é só unha data simbólica, senón unha oportunidade para reforzar o compromiso institucional coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”.

Teatro para recuperar memoria e romper estereotipos

O 6 de marzo, o Auditorio Cine Alovi acollerá a representación de As alumnas, unha produción interpretada por Anabel Gago e Mónica Caamaño, que pon o foco na educación feminina na España do século XX. A peza reivindica o papel das mestras e das mulleres pioneiras que abriron camiño no ámbito educativo, convidando á reflexión sobre os avances acadados e os retos pendentes en materia de igualdade.

O 10 de marzo, tamén no Auditorio Cine Alovi, representarase A cincenta que non quería comer perdices, da compañía Sarabela Teatro, unha proposta dirixida ao público infantil que revisa os contos tradicionais desde unha perspectiva de xénero, cuestionando os roles impostos ás mulleres e promovendo modelos máis diversos e empoderados.

A programación teatral completarase o 26 de marzo na Casa Dopeso con A historia de Rata Pirata, espectáculo de Carlos Godoy, unha proposta familiar que, a través da aventura e o humor, transmite valores de igualdade, valentía e superación, fomentando referentes femininos positivos entre a cativada.

O 12 de marzo, o Conservatorio das Pontes acollerá o relatorio musicado En clave feminina. Muller e canción galega, a cargo de Carme Tubío Barreiro. A proposta realiza un percorrido pola presenza e a influencia das mulleres na música galega, poñendo en valor o seu papel como creadoras, intérpretes e transmisoras de cultura. A actividade combina divulgación e interpretación musical, contribuíndo á recuperación e visibilización do legado feminino no ámbito artístico galego.

Espectáculos didácticos para a infancia

O 5 de marzo, a Casa Dopeso será escenario de Rosa e azul, da compañía Pérez&Fernández, un espectáculo familiar que aborda, desde o humor e a interacción co público, os estereotipos de xénero asociados ás cores, xogos e roles sociais, promovendo unha educación libre de prexuízos.

No ámbito escolar desenvolverase tamén Inventoras con mentes curiosas, da compañía A Xanela do Maxín, unha proposta escénica que achega ao alumnado de primaria a figura de mulleres inventoras e científicas que contribuíron ao progreso da sociedade, espertando vocacións e fomentando a curiosidade científica entre nenas e nenos.

Os días 6 e 13 de marzo, o alumnado de 5º e 6º de primaria participará no obradoiro Medrar sendo ti, impartido por Sabela Maceira e Lucía Álvarez, centrado na educación afectivo-sexual desde o respecto, a diversidade e a autoestima, proporcionando ferramentas para construír relacións saudables e igualitarias.

Ademais, os días 7 e 14 de marzo, desenvolverase o obradoiro Solo pelviano, impartido por Candela Carregal, dirixido a mulleres de todas as idades. A actividade combina información teórica e práctica corporal para fomentar o coñecemento do propio corpo, o coidado da saúde e o empoderamento feminino desde unha perspectiva integral.

Desde o departamento de Igualdade destacan que esta programación “pretende implicar a toda a veciñanza na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, xerando espazos de encontro, reflexión e aprendizaxe compartida”.

O Concello das Pontes reafirma así o seu compromiso coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, facendo do 8M non só unha xornada simbólica, senón un mes completo de acción, cultura e conciencia social.

⚙ Configurar cookies
0.080983877182007